Códice da Biblioteca Nacional de Florencia
Cancioneiro do s XIII conservado na Biblioteca Nazionale Centrale de Florencia (B. R. 20, antes II, I, 213), que contén parte das Cantigas de Santa María. Polas súas características xerais (letra, adornos e miniaturas), parece que é unha continuación de T, escrito no mesmo obradoiro. Está formado por 131 folios de pergamiño de 456 x 320 mm, aínda que o encadernador cortou bastante as páxinas e a numeración (en caracteres romanos) das mesmas. Pódese deducir que faltan moitos folios (posiblemente 50) do que debeu ser o códice orixinal, que foi concibido para albergar os dous últimos centos de cantigas. Escrito con letra gótica francesa, alternando a tinta negra e encarnada, como en T, a dúas columnas (ás veces a tres ou incluso a unha), quedou incompleto, tanto no que respecta ao número de composicións que debería conter, coma na notación musical e na ilustración dos textos, de xeito que só transmite 104 cantigas (das que catro proceden de TO e 100 son novas); a notación musical -para a que se previñeron os espacios- non se copiou e, en moitos casos, as miniaturas redúcense ao debuxo das viñetas que deberían contelas, e das 113 páxinas miniadas, só 48 se remataron, 46 están sen acabar e 19 só enmarcadas. Este códice quedou sen rematar probablemente porque o monarca morreu cando aínda se estaba a traballar nel, e o scriptorium debeuse disolver pola diferenza de intereses do seu herdeiro Sancho IV. Precisamente, por quedar inacabado, é útil para comprender o proceso da confección dun códice, sobre todo no que respecta ás miniaturas, xa que moitas están completas, outras son meros bosquexos, noutras só se ven as orlas e noutras só faltan por rematar os rostros das figuras. Posteriormente (seguramente en tempos de Afonso XI), levouse a cabo unha derradeira intervención nas ilustracións, por parte dunha man inexperta, posiblemente dun simple calígrafo, que completou algunhas viñetas cun resultado pouco acertado.