Códice de Toledo
Cancioneiro do s XIII conservado na Biblioteca Nacional de Madrid (10069) e anteriormente na Biblioteca Capitular de Toledo (de onde tomou o seu nome), que contén parte das Cantigas de Santa María. Está conformado por 160 follas de pergamiño de vitela, cun formato de 315 mm de alto por 217 de ancho, e cortesías e gardas en pergamiño e papel. Copiado con elegante letra gótica francesa a dúas columnas e letras iniciais decoradas con filigranas alternando as cores encarnada e azul, non ten miniaturas pero si notación musical no refrán que abre cada cantiga. Contén as 100 cantigas do proxecto orixinal seguidas das cinco cantigas das festas da Virxe e as cinco de seu Fillo. Ao final, engadíronselle 16 composicións en apéndice. A primeira composición é a coñecida como Intitulatio (ou Prólogo A), cantiga sen música que presenta o autor do proxecto adornado de todos os seus títulos; dá noticia dun proxecto acabado (“fez cen cantares e sões”) e identifica a destinataria do mesmo (“fez a onrr’e a loor/Da Virgen Santa Maria”). Esta composición, exenta de refrán, vai seguida do índice das cantigas (constituído pola rúbrica que precede a cada un dos textos), máis os catro primeiros versos de cada un deles (despois da presentación de cada cantiga de loor déixase un espazo de separación moito maior que entre as respectivas cantigas de milagre). Segue a cantiga-Prólogo e cen cantigas, numeradas, introducidas por unha rúbrica (en tinta vermella) que resume o contido de cada unha e que recollen os milagres da Virxe, agás as cantigas decenais que recollen os loores. A continuación vén a cantiga de petiçon (“Macar cen cantares feitos acabei e con son”) que pecharía o que foi o primeiro proxecto de cen cantigas no que se buscaba a simetría, xa que a primeira cantiga sería a actual cantiga 1 (“Esta é a primeira cantiga de loor de Santa Maria, ementando os VII goyos que ouve de seu Fillo”); a cantiga 50 sobre as sete dores actuaría de bisagra como composición central do cancioneiro que amosa a Virxe como intercesora no Xuízo Final. Non obstante , a partir do folio 133 aínda se inclúen un conxunto de textos, en series numeradas do 1 ao 5 (as cinco cantigas das festas da Virxe e as cinco das festas de Cristo), presentadas por unha rúbrica colectiva en prosa e con rúbricas individuais para cada texto, seguindo a práctica habitual do códice, e 16 textos que seguramente non figuraban na primeira colección e que nos outros códices aparecen distribuídos segundo criterios diferentes. Se ben durante moito tempo se considerou que este códice, por ser unha copia de principios do s XIV do que debeu ser a primeira colección (perdida), sería o máis novo dos catro manuscritos conservados, investigacións recentes indican que podería ter sido copiado con anterioridade, aínda que sempre despois da morte do monarca castelán.