Código de Hammurabi
Compilación de leis e editos auspiciada por Hammurabi, monarca da primeira dinastía de Babilonia (1793-1750 a C). Constitúe o primeiro código coñecido da historia, do que se conservan 282 artigos, estruturados en tres partes seguindo as tradicións lexislativas sumerias e acadias: un prólogo, o corpo legal e o epílogo. Comeza cunha explicación dos códigos relixiosos de Asiria e Babilonia e logo presenta unha guía de procedementos legais, a imposición de penas por acusacións inxustificadas, o falso testemuño e os erros xudiciais. Recolle tamén disposicións sobre o dereito de propiedade, préstamos, depósitos, débedas, propiedade doméstica e dereitos familiares, e regula os prezos de diferentes tipos de servicios comerciais. Presenta como base do dereito penal a Lei de Talión, común entre os pobos semitas. Unha das funcións primordiais era proporcionarlles protección a todas as clases sociais babilónicas, fundamentalmente aos pobres e aos escravos contra a inxustiza dos ricos e poderosos. O epílogo glorifica o labor de Hammurabi para acadar a paz e a xustiza.