cóengo

cóengo

(< lat canonĭcu)

  1. s m [RELIX]

    Membro dun cabido dunha catedral ou dunha colexiata. A evolución da institución canónica creou as distincións de coenxías de dignidade (arcediago, deán, arcipreste e chantre) e de oficio (doutoral, maxistral, lectoral e penitenciario). Distínguese entre cóengos seculares e regulares, e pola forma de ingreso no cabido entre o cóengo de oposición e o cóengo de gracia. En España, segundo o Concordato de 1851 e decretos posteriores, o número de cóengos era de 24 nas sés metropolitanas e de 16 nas sufragáneas. O nomeamento das diversas dignidades de designación por gracia, alternaba entre o Estado, a Santa Sé e o bispo, segundo unhas quendas establecidas, agás o chantre e o deán, nomeados, respectivamente, polo papa e polo xefe do Estado. A partir de 1979 suprimiuse a intervención do Estado.

  2. s m [RELIX]

    Antigamente, crego que seguía unha regra ou canon e que vivía xeralmente en comunidade canónica.

Palabras veciñas

Coen, Joel | Coenagrion | Coence | cóengo | coenlla | coenlleira | coenlleiro -ra