coherencia

coherencia

(< lat cohaerentĭa)

  1. s f

    Conexión e ausencia de contradición entre as partes dun argumento, dunha doutrina, dunha obra ou en xeral dunhas cousas con outras.

    Ex: A coherencia dos seus argumentos foi o máis valorado do seu libro.

    Sinónimos: congruencia. Antónimos: incoherencia, incongruencia, inconsecuencia. Confrontacións: cohesión.
  2. s f

    Actuación en conformidade co que se pensa.

  3. s f [MAT]

    Grao de plausibilidade entre uns feitos observados e unha teoría que pretende explicalos.

  4. s f [FÍS]

    Propiedade dos fenómenos ondulatorios ópticos que consiste na constancia, ao longo do tempo, da diferenza de fase entre os compoñentes monocromáticos dun grupo de ondas, feito que ten como consecuencia a produción de interferencias. Unha fonte puntual e monocromática é perfectamente coherente; unha fonte extensa (e practicamente todas as fontes reais o son) consta de moitos puntos emisores que emiten trens de onda independentes e non monocromáticos, que se superpoñen no espazo pero non presentan unha diferenza de fase constante en cada punto e, xa que logo, non son coherentes. Os láseres son fontes luminosas altamente coherentes.

  5. s f [LING]

    Concepto que emprega a lingüística do texto para referirse á conexión que establecen entre si os elementos dun conxunto. É unha propiedade imprescindible para que unha mensaxe poida ser recoñecida como texto. Baséase na organización xerárquica dos enunciados que a compoñen e maniféstase na presenza de isotopías, recorrencias de motivos, correferencias (repeticións de palabras ou frases, anáforas, catáforas, etc), na adecuación da forma do discurso ao tema tratado, etc.

  6. s f [FILOS]

    Conformidade das proposicións ou enunciados relacionados entre si a unha regra, criterio, patrón ou modelo. Aínda que se considera que dúas ou máis proposicións son coherentes cando son compatibles, segundo os fundamentos desa compatibilidade se recoñecen a coherencia lóxica (consistencia), a coherencia sistemática, a coherencia ordenada, etc. Especificamente, o termo emprégase na teoría da verdade entendida como coherencia, na que se considera que unha proposición é verdadeira ou falsa segundo se é ou non compatible cun sistema dado de proposicións.