Coimbra, Pedro de

Coimbra, Pedro de

Escultor de orixe portuguesa. Dirixiu un obradoiro en Santiago de Compostela no segundo terzo do s XIV, desde onde espallou unha serie de modelos iconográficos escultóricos que callaron nos obradoiros galegos. A obra relacionada co seu obradoiro caracterízase pola pervivencia de modelos goticistas tratados dun xeito naturalista. A iconografía da Virxe do O nas escenas da Anunciación, nas que o corpo da Virxe asume un esquema en S, cunha man levantada en posición de saúdo ao arcanxo Gabriel e a outra pousada no ventre, atribúenselle á súa autoría (Virxe do museo da catedral de Santiago de Compostela). Este modelo retomárono os escultores galegos na portada de Santa María Salomé (Santiago de Compostela), Santa Mariña do Azougue (Betanzos) e Santa María da Atalaia (Laxe), entre outras. As tallas da Virxe da Nosa Señora de San Domingos de Bonaval e da Virxe do Portal do convento de Santa María de Belvís están relacionadas co seu obradoiro en Santiago de Compostela. En Portugal consérvanse obras súas no Museo de Arte Antiga de Lisboa e no Museo Machado de Castro de Coimbra.