Colantres, San Salvador de

Colantres, San Salvador de

Igrexa parroquial situada en Coirós. Construída a finais do s XII, conserva unha boa parte da súa estrutura románica. Trátase dun edificio dunha soa nave con ábsida rectangular cuberta cunha bóveda de canón lixeiramente apuntada. O arco triunfal, dobrado, tende a ser apuntado. A arquivolta interior está sostida por dúas columnas entregadas sostidas por bases áticas con garras e coas escocias decoradas con zigzags. Os capiteis foron picados pero quedan sombras porque estiveron cubertos de follas e os colariños sogados. No extremo nororiental consérvase un fragmento dunha pintura do s XVI que representa a Cristo atado á columna, que puido formar parte dun ciclo dedicado á paixón. No exterior destaca a porta setentrional cun gran lintel que presenta unha semicircunferencia inscrita, coma se se fose esculpir un tímpano. A porta sur, cun tímpano semicircular sobre machetas, quedou oculta ao lle engadir unha estancia. Os beirís están sostidos por canzorros, pero algúns, como os do lado norte da nave, son froito dunha reparación moderna do edificio. A fachada occidental, coroada por unha espadana, reconstruíuse na época moderna.