colaxe

colaxe

(< fr collage ‘acto depegar’)

s f [ARTE/LIT]

Composición ou montaxe artística realizada sobre distintos soportes (cartón, papel, táboa ou lenzo) aos que se pegan diversos materiais como recortes de xornais, papeis ou fotografías. A obra considerada como a primeira colaxe é Naturaleza muerta con silla de rejilla (1912), de Picasso. De xeito paralelo, Braque realizou os papiers collés (papeis pegados). O emprego desta técnica permitiu o paso do cubismo sintético ao analítico; despois dos cubistas empregárona os dadaístas e os surrealistas, e destacan as realizadas por Max Ernst con pinturas e gravados como La femme 100 têtes (A muller de cen cabezas, 1929). Kurt Schwiteers, máis próximo ao dadaísmo, indagou sobre o impacto que producen eses materiais incrustados na obra e empregou madeiras, trapos, anacos de aramio e cravos. Henri Matisse realizou, durante os seus últimos anos, papeis recortados nos que empregou a técnica da colaxe. Nos anos sesenta do s XX, a pop-art engadiu as imaxes fotográficas. En literatura, empregada sobre todo polos poetas surrealistas, alude a unha práctica creativa que busca acadar un produto artístico orixinal a partir da mestura de fragmentos tomados de diversas obras preexistentes (frases recortadas de xornais, alusións ou citas), sen marcas de identidade e, ocasionalmente, cos materiais creados polo propio autor da colaxe.