Colias

Colias
[ANIMAL/ENTOM]

Xénero de lepidópteros, da familia dos piéridos, formada por bolboretas de alas amarelas de ata 54 mm de envergadura. A maioría das especies presentan en Europa unha distribución mediterránea, onde poden ter nun mesmo ano dúas ou tres xeracións. En Galicia están presentes as especies C. australis, con alas de cor amarela esvaecida, co extremo anterior manchado de negro e cun punto medio; é unha especie restrinxida ao oriente do país, onde depende para o desenvolvemento larvario da herba da ferradura, que se atopa distribuída dende o S e centro de Europa ata a península de Anatolia; e C. croceus, de bolboretas con alas dunha cor amarela intensa, cunha franxa marxinal negra e un punto negro medio, con larvas que se desenvolven nos trevos e cunha distribución na que a partir dos núcleos poboacionais do N de África e do S de Europa, os adultos se desprazan cara ao norte na primavera ata o paralelo 60°. No outono moitas das bolboretas que naceron en países nórdicos emprenden o camiño do S.

Palabras veciñas

colgar | Colhué Huapi | coli- | Colias | colibacilo | colibacilose | coliberto