cólico -ca

cólico -ca

(< lat colĭcu < gr κῶλικός, de κῶλον ‘colon’)

  1. [ANAT]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao colon.

    2. arteria cólica

      Cada unha das tres arterias que derivan da mesentérica e irrigan o colon ascendente (arteria cólica dereita), o colon transverso (arteria cólica media) e o colon descendente (arteria cólica esquerda).

  2. [PAT]
    1. s m

      Dor aguda e paroxística, ocasionada habitualmente polo espasmo dun órgano oco.

    2. cólico hepático/cólico biliar

      Dor moi intensa no epigastrio e no hipocondrio dereito, producida pola contracción espasmódica da vesícula e dos condutos biliares. A miúdo esta dor esténdese polo nervio frénico e polo plexo cervical, ata o ombreiro e o brazo dereitos. Aparece a consecuencia da obstrución, xeralmente de índole litiásica, dun conduto biliar ou da contracción espástica do esfínter de Oddi. A duración dos sintomas está entre menos dunha hora e dous días e adoita ir acompañado dun grave trastorno xeral, con náuseas e vómitos.

    3. cólico nefrítico/cólico renal

      Dor aguda da rexión lumbar que se estende, seguindo o curso do uréter correspondente á rexión vesicular, ata os xenitais e a parte interna da coxa do mesmo costado. De aparición súbita, dura habitualmente máis ca un cólico hepático e adoita ir acompañado dunha hematuria microscópica, vómitos e retraemento. Os accesos dolorosos repítense con períodos intercalados nos que se sofren lixeiras molestias. Prodúcese xeralmente pola progresión dun cálculo dende o ril ata a vexiga urinaria, a través dos uréteres.

    4. cólico salival

      Crise dolorosa producida pola obstrución calculosa dos condutos excretores das glándulas salivais.

    5. cólico saturnino

      Dor abdominal producida por espasmos segmentarios do intestino delgado. Aparece na intoxicación por chumbo.

  3. cólico de area [VETER]

    Enfermidade intestinal que padece o gando e que está causada pola inxestión de area ou terra.

Palabras veciñas

coliberto | colibrí | colicina | cólico -ca | colídido -da | colidir | colífago