colite
(< colon + -ite)
Inflamación do colon. As colites divídense en agudas (infecciosas e medicamentosas) e crónicas (ulcerosa e granulomatosa). As colites agudas infecciosas poden estar ocasionadas por bacterias ou parasitos, por toxinas bacterianas ou por virus; as súas manifestacións clínicas son febre, dor abdominal e diarrea. As colites agudas medicamentosas, orixinadas pola administración de lincomicina, clindamicina, ampicilina ou tetraciclina, unicamente poden provocar unha diarrea leve ou unha diarrea pseudomembranosa máis grave. A colite ulcerosa é unha enfermidade inflamatoria crónica do colon e do recto que ocasiona úlceras na mucosa e na submucosa do intestino groso, e provoca diarrea sanguenta, dor abdominal, febre e perda de peso, e tamén complicacións sistémicas como artrite, hepatopatía, lesións oculares e cutáneas e dexeneración neoplástica. A colite granulomatosa é unha afección crónica do colon determinada pola enfermidade de Crohn ou enterite rexional na que o colon non se ve afectado dunha maneira uniforme, senón por zonas, pero participa toda a espesura da parede intestinal lesionada e fórmanse granulomas na mucosa; os síntomas son febre, dor abdominal, diarrea e astenia. A colite isquémica é unha colite provocada por unha diminución do fluxo sanguíneo nos vasos do colon, por oclusión ou por espasmo, que pode transcorrer de forma aguda con dor abdominal e rectorraxia masiva acompañada de shock ou, máis a miúdo, de forma subaguda cun cadro sintomático menos grave.