Colmeiro Penido, Manuel
Historiador, economista e xurista. Cursou estudios de humanidades baixo a dirección do catedrático de Filosofía Pedro Losada e licenciouse en 1832, á parte de estudios xurídicos que o levaron a acadar a licenciatura (1838) e o doutoramento en Dereito (1841) pola Universidade de Santiago de Compostela. Nesa universidade ocupou a praza de profesor substituto ata 1847, ano no que obtivo a cátedra de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid. En 1881 foi nomeado fiscal do Tribunal Supremo como premio aos seus servicios. Compaxinou a profesión docente co exercicio da avogacía e, en 1865, afiliado ao partido liberal fusionista con Sagasta, iniciou a carreira política. Foi elixido deputado polo partido de Pontevedra e, en 1871 e 1879, senador en representación da Real Academia da Historia. Foi nomeado senador vitalicio en 1881. Ademais dos seus cargos políticos, foi inspector xeral de Instrución Pública, vogal da Junta de Reforma Penitenciaria, presidente da Junta de Fomento do Consello de Estado e da Junta Consultiva do Instituto Xeográfico e Estatístico. No seu pensamento político manifestouse de maneira progresista, aínda que cun reformismo moderado polo seu punto de vista científico. Da súa obra científica cómpre destacar: Tratado elemental de Economía Política Ecléctica (1841), Derecho Administrativo Español (1845), De la Constitución y del gobierno de los reinos de León y de Castilla (1855), Historia de la Economía Política en España (1863), que se pode considerar a súa obra máis sobranceira, Principios de Economía Política (1865), Los restos de Colón (1879) e un traballo de erudición histórica titulado Los Reyes Cristianos, desde Alfonso VI hasta Alfonso XI en Castilla, Aragón y Portugal (1893), que formou parte da Historia General de España, dirixida por Cánovas del Castillo. Ingresou en 1857 na Academia de Ciencias Morais e Políticas, da que foi nomeado bibliotecario perpetuo, na Real Academia da Historia e, en 1893, na Real Academia Española da Lingua. Ademais, pertenceu a diversas corporacións estranxeiras, como aos institutos de Francia e de Xenebra, á Academia da Lingua de Roma, e á Real Academia de Bélxica.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Madrid