Colocci, Angelo
Humanista italiano. A súa estancia en Roma, cidade na que desempeñou importantes cargos na curia entre 1498 e 1527, foi dunha intensa actividade filolóxica, centrada no estudo das linguas e literaturas romances. Participou activamente nas disputas suscitadas arredor da “questione della lingua”, para propugnar unha “lingua comune” que se erixise como modelo para os grandes autores do Trecento, Petrarca en particular, e que tivese en conta tamén as variedades dialectais italianas. Posuía unha rica biblioteca da que formaban parte códices gregos, latinos, provenzais, franceses, italianos e galego-portugueses, moitos deles depositados na Biblioteca Vaticana. En moitas desas obras, Colocci escribiu notas lingüísticas e literarias de moi diverso tipo co fin probable de confeccionar algún tratado que nunca chegou a ver a luz e do que constituirían intentos iniciais o vocabulario provenzal-italiano, integrado nos folios 222-269 do Vat. Lat. 4817 ou o Vat. Lat. 3217, no que Colocci e outro copista transcribiron ordenadamente as anotacións dispersas polo humanista nalgúns dos seus códices. A lingua e a poesía de Petrarca constituían o referente de moitas desas glosas marxinais, xa que Colocci se achegaba aos textos en lingua vulgar co fin de descubrir as diferencias e semellanzas do poeta italiano con outras linguas e tradicións líricas romances. O seu nome aparece ligado particularmente á literatura galega porque, grazas á súa iniciativa, consérvase a maior parte do corpus poético galego-portugués: a partir do libro di portughesi, levado a Roma por António Ribéiro entre os anos 1525 e 1526, Colocci ordenou a copia dos cancioneiros designados coas iniciais B (Cancioneiro da Biblioteca Nacional) e V (Cancioneiro da Vaticana); confeccionou a Tavola Colocciana (C), presumiblemente o índice de autores de B, incluído nos folios 300-307 do manuscrito Vat. Lat. 3217; realizou unha copia separada (identificada como testemuño da lírica galego-portuguesa coa sigla Vª) dos cinco lais de Bretanha cos que se abre B en folios soltos doutro dos seus manuscritos conservados na Biblioteca Vaticana (manuscrito Vat. Lat. 7182, folios 276-278). Polo tanto, de non ser polo interese do humanista italiano non se tería acceso á Arte de Trobar, o único tratado poético conservado sobre a lírica dos trobadores peninsulares, e o corpus poético galego-portugués estaría integrado unicamente polas cantigas de amor transmitidas no Cancioneiro da Ajuda (A), as sete cantigas de amigo de Martin Codax incluídas no Pergamiño Vindel (N), as sete cantigas de amor de Don Denis recollidas no Pergamiño Sharrer (D) e a tensó entre Afonso Sanchez e Vasco Martins de Resende (“Vaasco Martîiz, pois vos trabalhades”) copiada en follas soltas de dous volumes misceláneos do s XVII, coñecidas coas siglas P e M.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Iesi, Marque -
Deceso
Lugar : Roma