Colombo

Colombo

(< singalés Koḷomba)

Capital de Sri Lanka e do distrito homónimo (615.000 h [1990]). Está situada na costa occidental da illa, no Océano Índico, ao S da desembocadura do río Kelani. É o principal porto da illa e escala das liñas de navegación de Europa cara ao Extremo Oriente; esta característica fai dela un centro comercial importante, tanto de exportación (principalmente de produtos como té, caucho, coco, grafito, cacao e pedras preciosas) como de importación (arroz, azucre e produtos lácteos). Non obstante , o tecido industrial da cidade non está moi desenvolvido. Foi colonizada no s XVI polos portugueses, que axiña a converteron no centro do comercio das especias, e en 1656 foi ocupada polos holandeses, que a mantiveron no seu poder ata que os británicos a conquistaron no ano 1796.