Colón, Cristovo
Navegante. Téñense apuntado diversas hipóteses sobre a súa orixe: unha delas asegura que era natural da parroquia de San Salvador de Poio, na beira setentrional da ría de Pontevedra; outras teorías, que gozan de maior predicamento internacional, localizan o seu lugar de nacemento na conca mediterránea: Xénova reivindica o seu carácter de patria colombina do mesmo xeito que outras cidades de Italia. Se a prol da opción galega se esgrimen argumentos baseados fundamentalmente na toponimia, onomástica e léxico empregados por Colón, para a opción xenovesa esgrímese a declaración do propio interesado no seu testamento. Na súa mocidade navegou como piloto polo Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico. Chegou, despois de naufragar, ás costas de Portugal, onde se estableceu. Posteriormente navegou cara ao N ata Islandia, e cara ao S, cos portugueses, ata São Jorge da Mina, en Guinea e a La Gomera. A raíz destas experiencias Colón formou as súas ideas cosmográficas. Cara a 1484 presentoulle ao Rei Xoán II de Portugal o seu proxecto de chegar ás Indias navegando a través do Océano, rumbo a Occidente. A súa proposta non convenceu o monarca luso nin os seus conselleiros. Entón enviou o seu irmán Bertomeu a lles ofrecer o seu proxecto aos reis de Inglaterra e Francia, que tampouco lle prestaron atención. Na corte castelá, aínda que foi ben acollido, o seu proxecto pasou de comisión en comisión nun proceso que se dilatou por espazo duns sete anos. Unha vez aceptada a empresa comezaron as negociacións. Ademais das pretensións económicas, unha décima parte das mercadorías obtidas, Colón esixiu o almirantado e o vicerreinado vitalicios e hereditarios das terras exploradas; o acordo recolleuse nas capitulacións de Santa Fe, asinadas o 17 de abril de 1492. A Raíña Isabel I concedeulle unha flota dunha nao (a Santa María, que se construíu nuns estaleiros da ría de Pontevedra) e dúas carabelas (La Pinta e La Niña). O frete e o armamento das tres naves foron difíciles pero, finalmente, naves e tripulación, aproximadamente 100 homes, fixéronse ao mar o 3 de agosto de 1492 dende o porto de Palos de Moguer. Despois dunha escala nas Illas Canarias, dirixíronse a poñente. Os ventos alisios conduciron a flota colombina ás illas Lucayas (o arquipélago das Bahamas); o 12 de outubro desembarcou na illa de Huanahaní, que bautizou co nome de San Salvador (a advocación da parroquia de Poio de onde se afirma que é orixinario). Acadou as costas de Cuba e de Haití, illa á que chamou La Española, onde creou unha fortaleza e deixou 39 homes. Retornou coas dúas carabelas, xa que a nao capitana, a Santa María, embarrancou nas costas de Haití. La Pinta arribou a Baiona, na ría de Vigo, o 1 de marzo de 1493. Despois, o 4 de marzo de 1493, chegou a Lisboa, a bordo de La Niña; desembarcou en Palos de Moguer o 15 do mesmo mes, e foi a Barcelona. Seguidamente preparou a segunda viaxe, iniciada en setembro de 1493, con 17 naves e 1.300 persoas. O 3 de novembro chegou a La Deseada, máis tarde descubriu Puerto Rico e, posteriormente, volveu a Haití, onde atopou o primeiro grupo colonizador exterminado polos indios. Fundou La Isabela e proseguiu as exploracións polas Antillas (Xamaica, costas de Cuba, etc). Entrementres, houbo insubordinacións e os principais xefes volveron á Península Ibérica, onde cursaron denuncias contra o almirante. Colón chegou a La Isabela e fíxose dono da situación, deixoulle o goberno ao seu irmán Bertomeu e en 1496 volveu a España para defenderse das acusacións, pero foi retido ata 1498. Na terceira viaxe descubriu as illas de Trinidad, Tobago e Granada, e chegou ao continente. En Santo Domingo atopou a poboación dividida: Miguel Ballester, alcalde da forteza Concepción, apoiou o almirante, pero este foi destituído e apresado cos seus irmáns en agosto de 1500 por Bobadilla, o novo comisario en funcións. Unha vez en España, xa non volveu recuperar os seus poderes. Non obstante, aínda fixo unha derradeira viaxe de exploración iniciada o 11 de maio de 1502. Retornou definitivamente á Península Ibérica o 7 de novembro do mesmo ano. Morreu reivindicando as prerrogativas perdidas de almirante e vicerrei.
Cronología
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Valladolid