Colonia
Cidade do land da Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, atravesada polo río Rin (953.551 h [1991]). O crecemento urbano motivou a agregación das áreas de poboación do seu contorno. É un importante núcleo industrial e centro comercial, favorecido polo porto fluvial e a confluencia de estradas, autoestradas e ferrocarrís transeuropeos. Entre os produtos industriais máis importantes destaca a fabricación de automóbiles, produtos químicos, téxtiles, farmacéuticos e perfumes (auga de Colonia). É tamén importante a proximidade do carbón do Ruhr e do lignito da conca de Colonia. Posúe un centro de ensino superior, Universität zu Köln (1388). Foi fundada por Claudio no ano 50, sobre un poboado ubio, co nome de Colonia Claudia Augusta Agrippinensium, en honor de Agripina. Tivo un rápido desenvolvemento e pasou a ser a capital da provincia da Xermania Inferior no s III. A sé episcopal, creada no s IV, foi elevada a arcebispado por Carlomagno no ano 785. En 1297 a súa burguesía apoderouse do goberno municipal. Membro da Hansa, durante a Baixa Idade Media foi un centro mercantil de primeira magnitude, pero o desprazamento cara ao Occidente do eixe económico europeo provocou o seu declive. A Reforma luterana non triunfou na cidade, que, durante a guerra dos Trinta Anos, militou no bando imperial. Do 1794 ao 1814 estivo baixo o poder de Francia e, no ano 1815, o congreso de Viena adxudicoulla a Prusia. Da antiga cidade romana consérvanse unha parte das murallas e as construcións baixo a catedral gótica. No campo da arquitectura destacan numerosos exemplos, todos restaurados despois dos bombardeos da Segunda Guerra Mundial: a catedral gótica, comezada en 1248, baixo a dirección do mestre Gérard, e rematada entre 1824 e 1880, con cinco naves e vidreiras dos ss XIII e XIV, e o Dombild, de Stephan Lochner, na capela da Madre de Deus (1440?). Outros edificios destacables son a igrexa de Santa María do Capitolio (1065), a dos Santos Apóstolos (ss XI-XIII) e Santa María da Anunciación (1618). Hai tamén tres museos de moito valor: o museo Wallraf-Richartz, o museo Diocesano e o museo romano-xermánico.