colonización

colonización

(

  1. s f

    Acción de colonizar.

  2. s f [HIST]

    Asentamento en novos territorios dun grupo humano, coa finalidade de explotalos economicamente e poboalos sen respectar a organización do país ocupado e mantendo vínculos coa cidade ou rexión de orixe.
    A colonización antiga

    Durante a Prehistoria e a Idade Antiga o movemento colonizador estivo ligado ás migracións dos pobos na procura de terras mellores ou ao establecemento de colonias ou factorías. As colonizacións dos fenicios e dos gregos fundaron establecementos de carácter permanente, coa finalidade de lles dar saída aos excedentes de poboación, e mantiñan a independencia respecto á súa poboación de orixe, coa que compartían a lingua e a cultura. O proceso de colonización dos fenicios tivo a súa orixe nas factorías comerciais que estableceron en diversos puntos das costas do Mediterráneo, como escalas no seu comercio marítimo, ao redor do 1100 a C. Das numerosas fundacións fenicias destacaron Cartago e Útica, nas costas do N de África, e Gadir e Tartessos en España. No mundo grego, o fenómeno da colonización produciuse, segundo algúns autores, en dous momentos: o primeiro vinculado á desaparición dos reinos micénicos (s XII a C); e o segundo, no s VIII a C, producido por un novo movemento colonizador provocado pola excesiva presión demográfica sobre unha limitada extensión de terras fértiles e polas loitas entre as cidades e entre partidos dentro da mesma polis, que levaron ao exilio a grupos enteiros e favoreceron a expansión das rutas comerciais gregas polo mar Mediterráneo. Espalláronse polo Occidente: asentáronse no S de Italia en Pitecussa (Ischia) no 770 a C, e pasaron logo a Cumas. En Sicilia fundaron Naxos, Catania e Reggio, entre outras poboacións, e, pouco despois, o asentamento de poboación de orixe grega do Peloponeso (no sur da Península Itálica) levou á fundación das cidades de Crotona, Sybaris e Metaponto. A colonización, organizada polas cidades de Megara, Lesbos e Mileto, estendeuse tamén pola zona dos estreitos e do Mar Negro. Moitas destas colonias convertéronse, á súa vez, en metrópoles de novos establecementos coloniais. Entre os ss VI e V a C as polis de Esparta e Atenas estableceron os seus propios imperios coloniais; a primeira expandiuse pola zona continental de Grecia, e a segunda construíu o imperio en ultramar. Na súa colonización en Occidente os gregos enfrontáronse polo control do territorio cos etruscos e cos cartaxineses na península italiana e nas illas de Sicilia e Córsega. A cidade de Cartago, orixinariamente unha colonia fenicia, converteuse nunha potencia colonial dende o s VII a C, cando substituíu os fenicios no control comercial e político no Mediterráneo occidental, e estableceu unha rede de colonias e factorías polas costas de Hispania e nas illas de Sicilia e Sardeña. O seu labor colonizador limitouse á fundación de diversas factorías, como Malaka, Sexi, Lixus e as das colonias de Akra Leuke (Alacant, 231 a C) e a de Carthago Nova (Cartagena, 228 a C). A colonización romana desenvolveuse lentamente dende os primeiros establecementos de cidadáns romanos baixo a autoridade do Senado (s IV a C) ata constituír unha rede de cidades, campamentos, portos e estradas que cubrían boa parte do imperio. O seu efecto sobre as diversas sociedades que conquistou e someteu supuxo unha profunda transformación na cultura e na sociedade. As colonias situábanse estratexicamente nos territorios conquistados, froito dunha meticulosa planificación, e mantiñan un forte vínculo co poder estatal. A colonización romana adoptou durante a República dous modelos de colonias: as coloniae civium romanorum, que exercían o control dos territorios conquistados no nome de Roma, como Antium (Anzio) ou Mutina (Modena), e as coloniae latinae, auténticos instrumentos na colonización de Italia, poboadas por colonos das cidades latinas aliadas dos romanos, como Placentia (Piacenza) e Aquilea. A expansión territorial de Roma xunto coa reforma do exército supuxo unha modificación das colonias romanas; estas pasaron a formarse con soldados licenciados do exército que obtiñan un lote de terras como premio polo seu servicio nas lexións. Estas colonias, como Florentia (Florencia), Pompeia e Capua, tiveron un gran valor como elementos romanizadores dos territorios nos que se asentaron. A política imperial modificou esta situación, e outorgoulle o dereito de titularse colonia romana a algunhas cidades indíxenas que destacaron pola súa axuda. Deste xeito, favorecían o proceso de romanización dos territorios conquistados, que se incorporaban á estrutura do Imperio e imitaban os usos e costumes romanos.
    A colonización na Idade Media
    Na Idade Media a colonización supuxo a ocupación e transformación de terras baldías en terras de labor mediante a instalación de colonos, froito da recuperación demográfica do s XI a C. O aumento da poboación favoreceu un incremento no comercio e supuxo a aparición de novas formas de colonización protagonizadas polos comerciantes italianos (pisanos, xenoveses e venecianos) no Mediterráneo e a Liga da Hansa nos países do Báltico e do mar do Norte. Dende finais do s XII os mercadores obtiveron dos soberanos dos países nos que comerciaban o dereito de establecemento dunha cidade ou dun barrio exclusivo, e gozaron dunha ampla autonomía xurídica baixo a responsabilidade do xefe da colonia. A partir destas colonias urbanas e comerciais constituíuse no Mediterráneo e no mar do Norte unha rede de bases navais que dependían directamente do goberno e ás que se agregaron diversos territorios e feudos. Co ataque ao Imperio Bizantino (1204), provocado polas intrigas dos venecianos e a penetración xenovesa en Chipre a fins do s XIV, comezou a colonización por estes pobos de diversos territorios, que mantiñan estreitos vínculos políticos e económicos coa metrópole. No seo destes imperios mercantís coexistían territorios dependentes directamente do goberno con feudos propiedade dos patricios e, nalgúns casos, feudos militares.
    A colonización moderna: o comezo do eurocentrismo
    Na Idade Moderna a colonización supuxo a explotación comercial, en réxime de monopolio, dos seus recursos naturais e a imposición da civilización europea (lingua, costumes, técnicas de produción e crenzas relixiosas) en países considerados menos desenvolvidos social e economicamente dende unha perspectiva eurocéntrica. Os portugueses capitanearon a colonización moderna e estableceron factorías comerciais nas costas de Asia e África, coa competencia dos ingleses, franceses e holandeses. A Coroa de Castela iniciou as descubertas pouco despois dos portugueses, e coa chegada a América (1492) comezou a conquista e colonización de amplas extensións de terra, feito que facía imposible un dominio efectivo. As condicións de ocupación e explotación do territorio rexíanse polo dereito medieval de conquista, e na ocupación da terra empregáronse as técnicas de apropiación. Máis tarde, coa anulación do monopolio outorgado inicialmente ao descubridor, a explotación do territorio converteuse en sistemática e estaba controlada polo Estado. Pero xa a finais do s XVI a estrutura comezou a se quebrar, e durante o s XVII a Coroa de Castela non era quen de cubrir coa súa produción a demanda do mercado americano; este feito fomentou a invasión deste mercado con manufacturas estranxeiras. A dinastía borbónica tentou racionalizar a administración das colonias, pero as reformas moderadas que impedían o acceso das elites crioulas aos postos de goberno e a influencia do liberalismo político e económico, ocasionaron a independencia da maior parte dos países de América a comezos do s XIX. Cuba, Puerto Rico e Filipinas continuaron baixo o poder de España ata 1898. Durante o s XVII os holandeses, británicos e franceses desenvolveron modelos de colonización distintos, dirixidos por compañías comerciais que absorberon o comercio colonial portugués e boa parte do español. Os holandeses substituíron os portugueses en Ceilán (1609) e dominaron axiña a Insulindia, polo que acapararon o control no comercio das especias. Ao mesmo tempo, tentaron establecer bases comerciais no Brasil e en América do Norte durante o s XVII (Nova Holanda). A colonización francesa iniciouse coa fundación de Québec no ano 1608 e a penetración no Canadá, e seguiu coas compañías de comercio patrocinadas por Colbert para o comercio coas Indias Orientais e Occidentais. Os británicos, que iniciaron a colonización competindo cos holandeses polo dominio do Extremo Oriente, nos ss XVI e XVII realizaron o seu primeiro asentamento en América do Norte nos territorios de Virginia (1584). A expansión británica en América foi lenta e non foi ata mediados do s XVII cando comezou unha verdadeira colonización coas fundacións de Nova York (1664), Pennsylvania (1681), Philadelphia (1683) e no 1713 as colonias de Terranova e Nova Escocia. O desenvolvemento das teorías mercantilistas do colonialismo durante o s XVIII impulsou a creación dos imperios coloniais de Francia e Inglaterra; o seu sistema baseábase na explotación metódica dos recursos naturais das colonias, que se consideraban mercados exclusivos para os produtos da metrópole e produtores de materias primas exportadas obrigatoriamente á metrópole. Este pacto colonial impedía a industrialización da colonia para a transformación da súa produción. Os diversos modelos de colonización entraron nunha profunda crise a finais do XVIII, no caso francés reflectiuse no Tratado de París (1763) e no caso inglés na Guerra de Independencia Americana (1776). A crise culminou a comezos do s XIX co triunfo das teorías librecambistas de Gran Bretaña; isto motivou un novo movemento colonizador, principalmente inglés, que se centrou nas rexións produtoras de materias primas e buscou a apertura de todos os mercados á libre competencia.
    A colonización tralo triunfo da burguesía

    A nova colonización británica estendeuse por Chipre, Australia, Nova Zelanda, Rhodesia, Kenya, Uganda e converteu Canadá e a India en dominios da Coroa. A progresiva industrialización de Francia e Alemaña supuxo o comezo dun novo período da colonización, no que as potencias buscaron mercados exclusivos e repartiron o mundo en zonas de influencia. No Congreso de Berlín (1884-1885) iniciouse un novo movemento colonizador, que levou á repartición de África, no que participaron Bélxica, Alemaña, Italia e Francia, que ao mesmo tempo se establecía en Indochina. Mentres, EE UU comezou a explotación de Iberoamérica e do Pacífico. As novas colonias servíronlles de mercado aos capitais das compañías da metrópole, dotadas de privilexios garantidos dende o goberno. A submisión aos intereses da metrópole condicionou (en moitos casos impediu) o desenvolvemento industrial, social e económico dos territorios colonizados. Esta orde colonial favoreceu que os beneficios obtidos deste xeito fosen reinvestidos na metrópole, pero o sistema comezou a modificarse despois da Primeira Guerra Mundial, co rexurdimento dos nacionalismos. Despois da Segunda Guerra Mundial, Europa perdeu definitivamente o seu papel como líder no control dos asuntos mundiais e os EE UU impuxeron unha colonización de tipo económico e militar en todo o mundo para crear unha fronte anticomunista, mentres a URSS estableceu o dominio sobre moitas nacións asiáticas e europeas. Mentres, os territorios colonizados polos británicos, franceses, portugueses e españois sufriron un violento proceso de descolonización. Só o Reino Unido e Francia conservan algúns pequenos territorios cun valor esencialmente estratéxico: as Malvinas, Xibraltar, Ascensión ou Santa Helena en mans británicas; Guadalupe, Reunión, Nova Caledonia e a Polinesia en mans francesas.

Palabras veciñas

colonialismo | colonialista | colonizable | colonización | colonizador -ra | colonizar | Colonna