colonialismo

colonialismo

(< colonial)

  1. s m [HIST/POLÍT]

    Doutrina e actitude que defende con razoamentos raciais, étnicos, económicos, políticos ou morais o dominio político, social e económico dun país (metrópole) sobre outro (colonia). O termo colonialismo adoita aplicarse á expansión territorial iniciada por Europa nos ss XV e XVI, época de grandes descubrimentos xeográficos, que se caracterizou fundamentalmente pola explotación económica da colonia con respecto á metrópole. No s XIX, o expansionismo europeo, impulsado pola Revolución Industrial e a necesidade de novas materias primas, levou á creación de novas colonias en África, Asia e Oceanía. Trala publicación de Imperialism (Imperialismo, 1902), obra de Dobson na que se analizaba o expansionismo colonial británico como un fenómeno caracterizado pola exportación de capital debido ao grande aumento da oferta no Reino Unido, as teses marxistas posteriores, defendidas por Lenin, Luxemburg, Bauer, Bujarin, Sternberg ou Grossmann, insistiron na vinculación necesaria entre o proceso colonizador, o imperialismo e o capitalismo. Así mesmo, as posicións de Luxemburg e Lenin incidiron no papel do nacionalismo en relación co colonialismo. O pensamento liberal, sen embargo, insistiu no carácter heteroxéneo do capitalismo e do imperialismo e xustificou o colonialismo na superioridade cultural da metrópole. A segunda metade do s XX deixou paso ao colonialismo dos capitais, exclusivamente económico pero igualmente eficaz para os intereses da metrópole.

  2. colonialismo interior [HIST/POLÍT]

    Relación de dependencia establecida no seo dun mesmo Estado que implica a explotación económica e política da periferia polo centro. Esta forma de colonialismo, analizada por Robert Lafont en La révolution régionaliste (A revolución rexionalista, 1967), supón a desposesión industrial, a primacia das industrias extractivas sobre as de transformación, a desposesión do terreo agrícola, a desposesión dos circuítos de distribución e a desposesión dos recursos turísticos. En O atraso económico de Galicia (1972), Xosé Manuel Beiras atribúe, a partir das análises de Lafont, un carácter de colonia interior a Galicia.