Cirilo, san
Bispo e apóstolo dos eslavos. De nome Constantino, foille atribuído o alcume de o Filósofo pola súa intelixencia. Estudiou en Constantinopla na Escola Magna e recibiu leccións de cultura clásica de Focio. Despois de ser ordenado sacerdote, realizou na compañía de seu irmán Metodio unha misión relixiosa e diplomática no pobo dos kházaros, e converteu o mesmo khan. Nomeado bispo en Roma polo Papa Adriano II, tomou o nome de Cirilo e emprendeu a conversión dos eslavos das rexións de Bohemia e Moravia (860). Edificou templos e fundou centros de ensino por Dalmacia, Polonia e Hungría, como a academia de Buda. Opúxose ao dogma trilingüe, que só autorizaba a profesar o cristianismo en grego, latín e hebreo, e traduciu ao eslavo os textos bíblicos e litúrxicos do rito romano, mediante un novo alfabeto de 38 letras (glagolítico ou cirílico), que se lle ten atribuído de forma errónea. Xunto co seu irmán Metodio recibiu o título de “apóstolo dos eslavos” e ambos foron proclamados por Xoán Paulo II patróns de Europa (1985); tamén comparten o padroado do ensino en países eslavos. Na arte iconográfica case sempre aparecen xuntos, con indumentaria episcopal, lendo e bautizando en Moravia e cun home axeonllado aos seus pés, que lles ofrece pan e sal como mostra da súa amizade; levan, como atributos, un cadro que representa o Xuízo Final (co que converteran o Rei Boris de Bulgaria), unha maqueta dunha igrexa (que simboliza o seu labor edificador) e un bordón con dobre cruz (propio dos evanxelizadores dun lugar). A súa festa celébrase o 9 de marzo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Salónica