Clemente I, san

Clemente I, san

Papa (88-97) e mártir. De orixe xudía, a tradición di que foi san Pedro quen o converteu ao cristianismo. O Emperador Traxano deportouno a Crimea e condenouno a traballos forzados nunha canteira. Finalmente, tirárono ás augas do Mar Negro cunha áncora colgada ao pescozo; disque dous anxos construíron no fondo do mar unha magnífica tumba de mármore e todos os anos, no cabodano do seu martirio, as augas retirábanse para que os cristiáns puidesen achegarse a esta capela submarina. Clemente é dos santos máis antigos no culto hispánico (s VIII). Escribiu a primeira Epístola aos Corintios co gallo de restaurar a paz na Igrexa de Corinto; tradicionalmente, téñenselle atribuído outros escritos que se coñecen como “literatura pseudoclementina”. Na iconografía leva vestiduras episcopais con dalmática ou casula ancha, tiara e bordón coa tripla cruz; como atributo persoal leva a áncora (símbolo do seu martirio ou da súa fe), o libro da súa epístola ou un Agnus Dei con nimbo coa cruz inscrita. A súa festividade celébrase o 23 de novembro e é titular de oito parroquias en Galicia.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Roma