Clouet
Familia de artistas franceses de orixe flamenga. Jean Clouet o Vello (1420?-?) instalouse en París cara ao 1460. O seu fillo, Jean Clouet o Novo (Bruxelas 1475?-París 1541), pintor, debuxante e miniaturista, foi pintor de cámara de Francisco I de Francia (1523). Ilustrou o códice da Guerre Gallique (Guerra gálica). Nos seus retratos combinou a minuciosidade característica da arte flamenga e do idealismo renacentista. A súa obra máis destacada é o Retrato de Francisco I (1525?). O seu fillo, François Clouet (Tours 1516?-París 1572), sucedeu o seu pai como pintor do rei (1541). Realizou retratos entre os que destacan os de Pierre Quthe (1562) e Isabel de Austria (1571), e produciu para Catarina de Medici unha serie de retratos en miniatura. Cultivou tamén a pintura mitolóxica; relacionadas con esta temática destacan as obras Baño de Diana e Dama bañándose.