Club Baloncesto Breogán, SAD

Club Baloncesto Breogán, SAD

Club de baloncesto masculino fundado en Lugo en 1966 polos irmáns Varela Portas e Pardo. Naceu coa vocación de constituírse no equipo que liderase o baloncesto da cidade lucense, e na tempada 1969-1970 acadou o seu primeiro ascenso á máxima competición española, a Primeira División. Nesa categoría militou nas catro temporadas seguintes, ata a 1973-1974, que rematou co descenso. Un ano despois volveu á Primeira División, na que permaneceu dúas temporadas máis, a 1975-1976 e a 1976-1977, na que perdeu a categoría. Á conclusión da tempada 1983-1984 obtivo un terceiro ascenso á, denominada entón, División de Honor. Nesta ocasión mantívose na elite tres tempadas consecutivas (1984-1985, 1985-1986 e 1986-1987). Foi nesta última etapa cando conseguiu clasificarse por primeira vez para disputar un torneo internacional, a Copa Korac da temporada 1985-1986, da que foi eliminado na liguiña de cuartos de final. Nesta época, Manel Sánchez converteuse no primeiro xogador breoganista que formou parte da selección española absoluta. O Breogán recuperou a máxima categoría en 1988, e a mantivo nas 7 campañas posteriores, dende a 1988-1989 ata a 1994-1995. O quinto ascenso á elite estatal (a liga ACB, que se fundara a mediados dos oitenta) produciuse na campaña 1998-1999. Nas tempadas 1999-2000 e 2000-2001 participou de novo na liga ACB. Posúe os títulos de campión da Copa Galicia das campañas 1986-1987, 1987-1988 e 1995-1996.