Club Vigo Voleibol

Club Vigo Voleibol

Club de voleibol fundado en Vigo en 1969 no seo do Colegio El Pilar. En 1971 acadou o seu primeiro ascenso á División de Honor, categoría que disputou a tempada 1971-1972. Malia rematar clasificado novamente, tivo que renunciar a ela por carecer de cartos para afrontar a participación. En 1973 ascendeu de novo á División de Honor; sen embargo, aconteceu o mesmo que na anterior ocasión e, tras competir na tempada 1973-1974, viuse obrigado a renunciar. Pasado un ano acadou o terceiro ascenso e disputou a liga de División de Honor. Esta vez superou mellor as dificultades económicas e mantívose na categoría durante cinco tempadas consecutivas, ata a 1979-1980. Nesta época conseguiu un terceiro posto na Copa do Rei (1976) e varios dos seus xogadores foron convocados pola selección española (Emilio Vallina, José Miguel Fuentes, Camilo Rodríguez, Eduardo Fernández e Ricardo Collazo). Ademais o equipo feminino, creado en 1975, proclamouse campión da Copa da Raíña en 1977. Pasadas esas cinco campañas, os problemas económicos obrigaron o club a non participar na División de Honor e disolver o equipo feminino. Na tempada 1983-1984 conseguiu acceder á División de Honor por cuarta vez, e permaneceu na tempada 1984-1985, pero ao rematala renunciou a proseguir. Daquela (1984) o club vigués participou na fundación da Asociación de Clubs Españoles de Voleibol (ACEVOL). Malia as dificultades, en 1986 acadou un terceiro posto na Copa do Rei. En 1992 logrou un novo ascenso á División de Honor e, deste xeito, participou na máxima categoría (denominada Liga ACEVOL e Superliga ACEVOL) dende a tempada 1992-1993. En 1994 clasificouse para disputar unha competición europea, feito que o converteu no primeiro club galego da disciplina en xogar torneos internacionais oficiais. Nesta nova etapa, que significou a consolidación do club, varios xogadores vigueses foron integrantes das seleccións españolas, como os irmáns Jorge e Enrique de la Fuente e Luis Iglesias. Repetíronse ademais as semifinais da Copa do Rei (1995 e 1996), mentres que na Liga acadou varias veces o cuarto posto.