Club Ourense Baloncesto, SAD
Club de baloncesto masculino fundado en Ourense en 1979 co nome de Club Bosco-Salesianos. Principiou a súa traxectoria deportiva militando na Terceira División. Ao remate da tempada 1983-1984 conseguiu o ascenso á Segunda División. Dúas campañas máis tarde proclamouse subcampión de Segunda División, feito que lle permitiu acceder á Primeira División “B”. Permaneceu nesta categoría ata a conclusión da tempada 1988-1989, na que conseguiu o título de campión e o dereito a participar na Liga ACB. A súa primeira etapa na elite prolongouse durante nove campañas consecutivas, ata a do 1997-1998, na que descendeu. Logo de dúas tempadas na Liga LEB, ascendeu de novo á ACB (1999-2000). A tempada 2000-2001 foi a súa décima participación na máxima categoría.