Colosas

Colosas

Antiga cidade da Frixia, na beira do río Licos, no camiño que unía Éfeso con Tarso. Xurdiu como colonia grega, integrouse máis tarde nos territorios dos monarcas seléucidas e, posteriormente, no reino de Pérgamo. Formou parte das provincias romanas de Asia e, despois de acadar unha notable prosperidade no s II, perdeu importancia. Conquistada polos turcos seléucidas no 1070, foi recuperada polos bizantinos ata que os otomanos a conquistaron definitivamente no 1294. O apóstolo Paulo escribiu unha carta á comunidade cristiá que existía na cidade.