comarcalización

comarcalización

(

Proceso de división dun espazo determinado en unidades menores de carácter homoxéneo e diferenciado do conxunto, denominadas comarcas.
A comarcalización como instrumento de ordenación territorial
Pódense individualizar tantos tipos de comarcalizacións como de comarcas: naturais, xeográficas, funcionais, etc. Cada unha delas faise cuns obxectivos e cuns métodos determinados, non contraditorios entre si malia que non sexan coincidentes. Existen comarcalizacións realizadas desde unha perspectiva natural que dividen o territorio segundo afinidades como o clima ou as formas de relevo, entre outras; comarcalizacións xeográficas que teñen en conta a uniformidade paisaxística resultante da interacción humana co medio natural, etc. Desde o punto de vista académico, téndese a cuestionar os intentos de implementar unha delimitación estable dos espacios comarcais. Os sucesivos paradigmas científicos favoreceron diferentes conceptualizacións do feito comarcal. Así mesmo, todo investigador persigue uns fins particulares e utiliza uns criterios determinados polo que as diferentes propostas de comarcalización difiren entre elas, sendo todas válidas se este labor se fai con rigor. Non obstante , o común é asociar a comarcalización ás diferentes divisións funcionais e administrativas que se levan a cabo, especialmente coas áreas espaciais derivadas dos diferentes procesos de descentralización dos servicios públicos. Deste xeito existen comarcalizacións sanitarias, educativas, xudiciais, etc, que se corresponden cos respectivos espacios de cobertura dunha determinada dotación administrativa.
A comarcalización de Galicia

A opción polo desenvolvemento comarcal
No caso galego destaca a posta en marcha dun proceso de comarcalización integral representado polo Plan de Desenvolvemento Comarcal impulsado polo goberno autonómico na década de 1990. Deste xeito respondíase a unha das esixencias do Estatuto de Autonomía de 1980. Para isto creouse un órgano específico, o Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Comarcal, baixo a dirección do catedrático de Xeografía Andrés Precedo Ledo, que se converteu no referente teórico e político desta dinámica. Impulsouse o proceso de comarcalización pola conxunción de varios motivos. Como factor básico destaca o interese en buscar modelos alternativos de organización territorial que respondan ás novas necesidades e carencias detectadas, especialmente nas áreas rurais onde a perda de poboación e de forza produtiva, a menor presenza do gasto público ou o notable incremento da mobilidade supoñen importantes transformacións ás que é necesario dar unha resposta desde as administracións. Deste feito derívase o interese manifestado por desenvolver a potestade estatuaria de deseñar un modelo territorial autonómico, baseado na tradicional división espacial fundamentada nas unidades comarcais. Buscábase así introducir unha maior racionalidade na práctica administrativa relacionada coas accións descentralizadas e o deseño das áreas de cobertura espacial dos diferentes servicios, co fin de evitar solapamentos entre áreas e lograr unha prestación de servicios máis coherente que redundase nun incremento do potencial de desenvolvemento dos territorios. Tamén se pretendía emendar diversas carencias detectadas en moitos concellos rurais que, debido ao seu pequeno tamaño, non podían ofrecer os servicios e dotacións mínimas para asegurar un nivel de vida digno aos seus habitantes. Deste modo, mediante unha colaboración de escala comarcal poderíase lograr unha mellor cobertura e un notable abaratamento do custo dos servicios públicos. En resumo, o Plan de Comarcalización buscaba converterse nun instrumento estratéxico tanto para a coordinación e a articulación das accións territoriais da administración (mediante a aplicación dun modelo voluntario de planificación espacial integrada e participativa realizada a nivel comarcal), como para a posta en marcha de procesos de desenvolvemento endóxeno realizados á mesma escala.
Os alicerces do proceso de comarcalización
Para atender os obxectivos do Plan de Comarcalización de Galicia seguíronse modelos de intervención xa clásicos como os propostos por investigadores como B. Kayser e outros ruralistas franceses, que nos anos setenta elaboraron estratexias de intervención e alternativas para os espacios rurais menos favorecidos. Estes partían dunha división espacial en pequenas áreas de carácter homoxéneo, o equivalente ás comarcas, e sobre as mesmas deseñaban programas de actuación integral, mediante a mobilización dos recursos propios de cada territorio, co fin de mellorar a situación de partida. A comarcalización de Galicia comezou a aplicarse de forma experimental en catro comarcas piloto: Ordes, Terra Chá, Valdeorras e Deza. Para cada unha delas, elaborouse un Plan de Desenvolvemento Comarcal específico, un documento de síntese no que se recollen as estratexias e accións a levar a cabo nun ciclo de catro anos. Cada Plan consta dun diagnóstico socioeconómico no que se analizan as principais variables humanas e produtivas de cada comarca. Elaborado polo Gabinete de Planificación, nel prevese a participación dos órganos de planificación creados para esa finalidade e dos axentes sociais de cada comarca. O seu obxecto é identificar as debilidades e potencialidades de cada unidade así como facer unha prospección da súa dinámica futura. Compleméntase cunha segunda parte que consiste nun estudo físico no que se analizan os recursos naturais do territorio e o seu potencial. Deste xeito preténdese adecuar as propostas e as accións de desenvolvemento ás potencialidades do medio natural. En último lugar, elabóranse as propostas de acción estratéxicas nas que, en función das potencialidades e debilidades de cada comarca, se definen unha serie de propostas de intervención a levar a cabo tanto polas administracións como polos axentes civís. Á parte da elaboración dun plan comarcal, deséñase un complexo burocrático-administrativo que dá soporte ao proxecto de comarcalización: trátase do Consello Comarcal, máximo órgano integrado por representantes da administración autonómica, provincial e local, e mesmo axentes privados que teñan un protagonismo significativo dentro da comarca. Nel propóñense os obxectivos básicos de acción e as liñas programáticas de cada un dos plans. Compleméntase coa Comisión de Comarcalización, órgano interdepartamental do goberno rexional no que se debate e avalían as propostas de intervención dos departamentos sectoriais en cada marco territorial definido. As competencias deste proceso recaen no Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial (desde 1997 reconvertido en Secretaría Xeral), que elabora, coordina e realiza o seguimento dos plans comarcais. Malia que a comarcalización é un proceso impulsado desde a administracción autonómica, non se prevé dotar ás comarcas de personalidade xurídica propia, nin dun marco competencial definido (como si ocorre noutras comunidades autónomas, como Catalunya). Buscábase propiciar un marco territorial no que as administracións coordinen as súas actuacións, segundo unha estratexia consensuada co fin de acadar uns obxectivos prioritarios de desenvolvemento socioeconómico e territorial. Desde esta idea inicial produciuse unha evolución vinculada á progresiva implantación do proceso de comarcalización. Así, a mediados dos noventa fixouse un maior número de comarcas: as da segunda fase (A Fonsagrada, A Paradanta, Bergantiños, O Carballiño, Ortegal, Tabeirós-Terra de Montes, Terra de Celanova e Terra de Lemos) e as da terceira (Arzúa, A Ulloa, O Baixo Miño, O Ribeiro, O Salnés, Os Ancares, Terra de Melide e Terra de Trives). Paralelamente, fomentouse unha vertente máis aplicada ao territorio coa creación duns órganos intermedios de escala comarcal: as fundacións comarcais. A partir deste momento reorientouse o proceso de comarcalización e perdeu protagonismo a coordinación administrativa en favor de actividades de promoción e dinamización dos recursos endóxenos.
A consolidación do proceso de comarcalización: a Lei 7/1996
A comarcalización de Galicia quedou finalmente deseñada nos anos 1996 e 1997, cando se aprobaron, respectivamente, a Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia e o Mapa Comarcal de Galicia. A Lei 7/1996 estableceu o marco normativo do desenvolvemento comarcal, segundo os seguintes principios xerais: voluntariedade de cada concello para incorporarse ao proceso de desenvolvemento comarcal; participación, mediante a colaboración activa e voluntaria, dos axentes económicos e sociais de cada comarca; coordinación das distintas administracións a través dunha estratexia consensuada; subsidiariedade entre as diferentes administracións territoriais; adicionalidade, mediante a suma de esforzos financeiros das distintas administracións e axentes implicados; complementariedade entre as iniciativas de desenvolvemento local a través dos proxectos de desenvolvemento integrado de cada comarca; flexibilidade, tanto no deseño e na aplicación dos proxectos como no sistema de avaliación aberta e seguimento continuo. Na estrutura comarcal cóntase, ademais dos órganos de planificación e coordinación, con órganos de xestión e promoción: as unidades técnicas comarcais, nas que se coordina a acción comarcal das deputacións provinciais; as fundacións comarcais, coa función de promover as accións do Plan e a posta en marcha de todo tipo de iniciativas de dinamización socioeconómica, rexidas por un padroado integrado por representantes das administracións no que hai a posibilidade de incorporar axentes privados. A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, pola súa parte, é unha empresa pública creada pola Xunta de Galicia na que a Secretaría Xeral de Planificación ten delegadas practicamente a totalidade das súas competencias. Entre os seus servicios está a promoción dos recursos comarcais, a coordinación das fundacións e dos centros de exposicións de recursos, ou a oferta de servicios avanzados vinculados coa planificación territorial e o desenvolvemento local. A elaboración e aprobación do Mapa Comarcal de Galicia realizouse en febreiro de 1997. O Mapa Comarcal elaborado pola Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal enténdese como a proposta de configuración das distintas áreas comarcais nas que se divide o territorio galego, nun total de 53 comarcas. A súa concreción levouse a cabo segundo un procedemento no que o órgano competente da confección presentou unha proposta que foi sometida a exposición pública para alegacións durante un mes, realizadas tanto por concellos que rexeitaban a súa adscrición comarcal, como por parte de grupos políticos e colectivos sociais de todo tipo e mesmo persoas físicas a título individual. Unha vez debatidas e analizadas, levouse a cabo unha segunda aprobación xa definitiva por parte do Consello da Xunta. Quedou deste xeito trazado o proceso de comarcalización de Galicia, a primeira división oficial realizada a escala comarcal. Malia todo, destaca o feito de que as comarcas non adquiren personalidade xurídica propia nin un marco competencial definido, orientándose fundamentalmente á configuración dun marco territorial de referencia para a posta en marcha de estratexias e programas de desenvolvemento endóxeno.