combustible

combustible

(

  1. adx e s m [QUÍM]

    Aplícase á substancia que a unha temperatura determinada reacciona co osíxeno e produce enerxía calorífica ou luminosa, que se pode transformar despois en calquera outra forma de enerxía que sexa útil para o ser humano. Os combustibles están, en xeral, compostos de carbono, e poden ser de orixe natural ou sintética. Os máis abundantes son os de tipo fósil ou mineral, que se extraen do subsolo terrestre e están formados por restos de organismos vivos, como son o carbón e o petróleo. Pódense clasificar en sólidos, líquidos e gasosos. Dos combustibles sólidos, o máis utilizado é o carbón, nas súas diversas formas (hulla, antracita, lignito, etc); outros combustibles de menor importancia son a madeira e a turba. A maioría dos combustibles líquidos proveñen da destilación ou da transformación do petróleo e corresponden a fraccións lixeiras (gasolina, queroseno e gasóleo) ou pesadas (fuel). Debido ao incremento do prezo do petróleo, empezouse a utilizar en certos países, como Brasil, etanol producido a partir da cana de azucre. Os combustibles gasosos (gas natural e gas cidade) son mesturas, en proporcións variables, de metano, etano, etileno, hidróxeno, monóxido de carbono e outros gases inertes, como o nitróxeno. O contido enerxético dun combustible vén definido polo seu poder calorífico e está relacionado co contido de carbono, que aumenta xeralmente dos sólidos aos gasosos. Ata o s XIX a madeira e os residuos vexetais ou animais foron os combustibles correntes. Pero a Revolución Industrial do s XVIII provocou, co descubrimento da máquina de vapor e a mecanización do traballo manual, un aumento notable da demanda de enerxía, absorbida principalmente polo carbón. Os descubrimentos técnicos (principalmente o motor de combustión interna) e a súa utilización en masa crearon a necesidade de novos combustibles. Por este motivo produciuse a progresiva substitución dos combustibles sólidos (carbón) polos líquidos (petróleo) e, dentro destes, dos pesados polos lixeiros. A variedade e universalidade das súas aplicacións, os baixos custos de produción, a facilidade de transporte e de almacenamento, a flexibilidade dos procesos de transformación, o maior rendemento enerxético e a maior comodidade de manexo foron, xunto con outros factores de tipo político, as razóns determinantes de que case a metade das necesidades enerxéticas dos países industrializados se cubrisen con combustibles derivados do petróleo. A necesidade de dispoñer destes combustibles favoreceu tamén o desenvolvemento dunha serie de procesos para obtelo a partir do carbón. Desde a década de 1960, o incremento do prezo do petróleo por parte dos principais países produtores ocasionou unha revalorización dos combustibles sólidos e gasosos, e un progresivo desenvolvemento da enerxía de orixe nuclear. Isto significou unha certa inflexión, en sentido descendente, con respecto ao consumo relativo dos combustibles líquidos. Por mor da importancia da enerxía como factor de produción, elemento de comodidade e material estratéxico, o consumo de combustibles por habitante é unha medida aproximada da prosperidade relativa ou do nivel de vida dun país, pero este consumo en masa presenta dúas graves consecuencias: a polución atmosférica e o esgotamento dos recursos naturais de tipo fósil.

  2. [QUÍM]
    1. s m

      Elemento ou composto químico que, por medio dunha reacción, proporciona enerxía útil.

    2. s m

      Substancia química de carácter redutor que, conxuntamente cun oxidante, constitúe o propergol destinado a impulsar un foguete.

    3. combustible nuclear

      Material capaz de experimentar fisión liberando enerxía. Hai tres núclidos

Palabras veciñas

combretáceo -a | comburente | combustibilidade | combustible | combustión | COMDEX | come prima*