Comedias bárbaras
Triloxía dramática publicada por Ramón María del Valle-Inclán entre 1907 e 1922. Comprende as obras Águila de Blasón (1907), Romance de Lobos (1908) e Cara de plata (1923), esta última é a primeira na orde interna da historia. O título, Comedias, non debe interpretarse como oposición á traxedia e ao drama, senón que parece remitir ao significado do termo no Século de Ouro, isto é, calquera tipo de peza dramática; tamén pode asociarse á Comedia humana, de Balzac, ao estar integrada por ciclos e pola repetición de personaxes. No tocante ao adxectivo bárbaras, conecta cunha tradición literaria que vai dende as Poésies barbares (1862), de Leconte de Lis ou as Prosas bárbaras (1903), de Eça de Queiroz, ata Rubén Darío co “Epitalamio bárbaro” de Prosas profanas (1888) e incorpórase ao vocabulario modernista como sinónimo de primitivo, forte ou violento. Esteticamente, sitúase dentro do teatro simbolista europeo (Mallarmé, Maeterlink e D’Annunzio), tanto na expresión como no contido; a crítica tamén sinalou a presenza dalgúns trazos esperpénticos, sobre todo en Cara de plata, como a aparición de sombras ou do grotesco. A triloxía plasma o cambio social de Galicia a finais do s XIX, coa desaparición das estruturas feudais que pervivían no mundo rural, a través da decadencia de Don Juan Manuel Montenegro e da súa familia. A identidade galega do espazo márcase por medio da linguaxe, o folclore, a toponimia e os nomes patronímicos. A sociedade evoca o Antigo Réxime, representado pola vida do pazo e a división en estamentos. A burguesía móstrase na figura do señor Ginero en Águila de Blasón, como indicio da transformación social. A acción desenvolve o enfrontamento entre Don Juan Manuel, chamado El Caballero (representante da sociedade patriarcal), e os seus fillos, especialmente co primoxénito Don Pedrito, que culmina no saqueo da casa familiar e o asasinato do pai. A vida amorosa do fidalgo propicia a aparición de tres figuras femeninas: Dona María, a súa muller, da que vive separado; Sabelita, a afillada seducida; e Liberata la Blanca, muller do pobo. Paralelamente, aparecen as relacións conflitivas entre o abade e os Montenegro xunto cos problemas do campesiñado. O drama xorde do paralelismo constante entre o presente e o pasado: os fillos simbolizan a imposición do novo sistema marcado pola desamortización e pola abolición do morgado. Don Juan Manuel pérdese e no seu camiño cara aos infernos vincúlase ao mito de Don Juan e ao satanismo. O arrepentimento final simboliza a redención do mundo que desaparece e o rexeitamento do que permanece, un universo desamparado trala morte do fidalgo-protector.