Comédie Française
Institución teatral francesa creada en París a partir de 1680. Neste ano, Luís XIV ordenou a unión das compañías de l’Hôtel de Bourgogne e de l’Hôtel Guénégaud, co que se constituíu a primeira compañía nacional de teatro de Europa. En 1799 instalouse na Salle Richelieu e viviu un período de considerable esplendor, aínda que sempre estivo influenciada polo acontecer político da República, e así, despois da Revolución Francesa, pasou a se denominar Théàtre de la Nation. Desde o primeiro momento constituíuse como unha compañía cun repertorio orientado á realización de espectáculos a partir dos textos clásicos da literatura francesa e universal, e integrou no seu elenco actores, actrices e directores de prestixio, como Mademoiselle Clairon, Sarah Bernhardt, Coquelin, Jacques Copeau, Jean-Louis Barrault ou Antoine Vitez, que, sen embargo, remataron por abandonala ao pouco tempo. Nestes case catro séculos de existencia a compañía, que desenvolveu o seu traballo noutros teatros da capital francesa como l’Odeon, constituíu un referente para outros teatros nacionais europeos.