comercio
(
-
-
s
m
Conxunto de actividades de compra, venda ou intercambio de produtos naturais ou industriais co obxectivo de conectar a produción co consumo ou co investimento. Pódese clasificar en dous grandes bloques; o primeiro é o interior, limitado aos intercambios dentro dunha economía nacional; o segundo é o exterior, resultado das relacións comerciais entre os residentes nun país e o resto do mundo. Os axentes que participan neste proceso son as empresas, responsables de colocar no mercado os seus produtos, e os consumidores. Entre ou dous aparecen os comerciantes, que permiten a fluidez dos intercambios. No relativo ao comercio exterior, as relacións establécense entre fabricantes, asentados no país exportador, e aqueles profesionais encargados da súa comercialización no país importador. < BR> Historia do comercio
O comercio xurdiu coa Revolución Neolítica, que supuxo o abandono da economía exclusivamente predadora e a súa substitución pola economía produtiva. Deste xeito, as comunidades humanas conseguiron cubrir as súas necesidades e incluso acumular excedentes, que constituíron as primeiras partidas comerciais. Conseguida a satisfacción das necesidades básicas, puidéronse elaborar todo tipo de manufacturas destinadas á comercialización. Os intercambios víronse favorecidos polo descubrimiento da roda e a fabricación de carros, así como pola construción das primeiras embarcacións. Tamén cobrou importancia o comercio de produtos mineiros, como o ámbar, o sal ou o estaño. A introdución da moeda supuxo un gran despegue nas relacións comerciais, pois significou a substitución do troco por un instrumento que permitía unha maior obxectivación das transaccións. A medida que se foron desenvolvendo as civilizacións, o comercio expandiuse para responder ás necesidades de cada área: no Antigo Exipto foron as carencias de madeira e metais as que obrigaron a cubrir a demanda co subministro do exterior, que foi asumido por fenicios e gregos. Pola súa parte, Mesopotamia serviu de ponte entre as áreas do Mediterráneo e Oriente. Os habitantes de Grecia, país moi montañoso e con moitas dificultades para a explotación agraria, víronse na obriga de establecer contactos comerciais polas concas do Mar Mediterráneo e o Mar Negro para conseguir os alimentos que precisaban, que intercambiaban por viño, aceite, prata e cerámica. A política imperialista romana, baseada na protección dos intereses dos pobos dominados, favoreceu a consolidación dun comercio seguro, polo que se construíron calzadas e se estableceron itinerarios fluviais e marítimos. Roma, deficitaria en trigo, desenvolveu a gandería, os cultivos hortofrutícolas e as industrias da cerámica, do viño e do bronce, a cambio das importacións de trigo, seda, especias, chumbo, ouro e aceite, procedentes das súas provincias. A crise económica do s III supuxo o comezo da decadencia no sistema de comercio internacional. Coa desarticulación política do Imperio en Occidente, a actividade comercial viuse moi afectada. As relacións entre o Mediterráneo e Oriente desprazaron o seu centro a Constantinopla. Persia asumiu o papel de enlace coas rutas da seda e das especias. En Occidente tomaron protagonismo as rutas atlánticas e as fluviais, aínda que o volume e o grao de sofisticación das relacións mercantís sufriron un gran retroceso. Na Baixa Idade Media xurdiron en Europa dous importantes focos comerciais: as repúblicas italianas de Xénova, Venecia e Pisa, no sur, que tomaron o relevo de Bizancio no comercio con Oriente, e Flandres, que monopolizaba o comercio co Báltico e co Mar do Norte. As exploracións ultramarinas, comezadas no s XIV polas potencias ibéricas (Portugal primeiro e Castela despois), constituíron os alicerces do futuro sistema mundial. Froito das exploracións portuguesas foi a apertura da ruta das Indias Orientais, que circunnavegaba o litoral africano para chegar ata as illas Molucas; a través dela viña a á metrópole ouro, escravos, marfil e especias. Pola súa parte, as colonias españolas en América proporcionaban ouro e prata a cambio de toda clase de produtos. En ambos os dous casos, constituíronse senllos réximes de comercio monopolista, instrumentados a través da Casa da Índia, en Portugal, e da Casa de Contratación de Sevilla, en Castela. Estes organismos establecían estrictos controis e reportaban ás facendas reais grandes beneficios. No s XVII os centros de poder económico e mercantil desprazáronse aos Países Baixos e a Inglaterra. Holanda substituíu a Portugal no comercio con Oriente. O modelo comercial neerlandés baseouse na creación de sociedades privadas, entre as que destaca a Compañía das Indias Orientais, creada en 1602. A Coroa británica principiou en 1585 a fundación de colonias na América setentrional e en 1643 creáronse as Colonias Unidas de Nova Inglaterra; ademais, estendeu o seu dominio polas Antillas, e por medio da Compañía das Indias Orientais estableceu factorías en Madrás e Bombai. Os franceses incorporáronse con menor fortuna a esta carreira, e tan só cómpre destacar os establecementos de Québec, en Norteamérica, e Martinica e Guadalupe, no Caribe. O proceso de expansión británico derivou no s XVIII na formación dun verdadeiro imperio colonial baseado no comercio: daquela comezou a cuestionarse a conveniencia de eliminar as trabas burocráticas e arancelarias características do período precedente, en favor dun sistema de librecambio. Esta corrente de pensamento incrementou a súa repercusión a raíz da Revolución Industrial. A doutrina librecambista apoiábase na liberdade de industria, do mercado e do comercio, tanto a nivel nacional como internacional, así como no sistema monetario do patrón ouro, que ao establecer a plena convertibilidade da moeda en metal servía para crear un clima de confianza monetaria. Tamén contribuíron ao desenvolvemento comercial as innovacións e melloras aplicadas aos medios de transporte e comunicacións e á industria. Paralelamente, desenvolvéronse instrumentos lexislativos e diplomáticos para favorecer os intercambios entre países. A doutrina librecambista gozou dunha clara hexemonía en Europa durante a maior parte do s XIX ata que, xa nas dúas últimas décadas, os principais países europeos optaron por defender a súa industria da competencia inglesa e adoptaron políticas proteccionistas. A iso contribuíron os intereses imperialistas sobre África, consumados co reparto da maior parte do seu territorio no Congreso de Berlín (1886). A expansión imperial garantía materias primas e alimentos a baixo prezo, ao tempo que abría un mercado para as producións industriais respectivas. Dende finais do s XIX ata o remate da Segunda Guerra Mundial rexistrouse un estancamento comercial, debido á xeneralización das prácticas proteccionistas e ao abandono do patrón ouro: as relacións comerciais baseáronse en negociacións bilaterais. Isto supuxo un gran freo ás iniciativas privadas e a súa submisión ás políticas gobernamentais, que se concretaron, entre outras medidas, na selección das empresas importadoras (comercio de estado), na limitación das divisas dispoñibles (control de cambios), o establecemento de fortes aranceis para gravar as importacións e, sobre todo, de zonas preferenciais de comercio. Ademais, os países decretaron devaluacións competitivas das súas moedas co fin de encarecer as importacións e dotar de maior competitividade as súas exportacións. En 1944, os aliados discutiron en Breton Woods o proxecto do novo marco económico-institucional mundial. Asináronse acordos para a creación do Fondo Monetario Internacional (FMI) e do Banco Internacional de Reconstrución e Desenvolvemento (BIRD), predecesor do Banco Mundial (BM), institucións nacidas co fin de garantir un marco de estabilidade que permitise a ampliación do comercio internacional; as principais propostas para acadar esa estabilidade eran o compromiso de manter unha paridade fixa (fronte ao ouro e ao dólar) e unha convertibilidade plena entre as moedas, e, sobre todo, a xeneralización do multilateralismo.
A actividade comercial en Galicia
O comercio en Galicia empregaba en 1997 aproximadamente a 134.000 traballadores, o que supuña o 14,85% da poboación ocupada, bastante por debaixo da media española, 16,56%. Esta cifra representa unha ruptura na evolución da súa relevancia laboral nos últimos anos, ao supor o 14,82% en 1994, o 14,26% en 1995 e o 14,05% en 1996; a partir desa data foise recuperando parcialmente. Economicamente, o comercio achegaba o 20,07% do valor engadido bruto no ano 1995, lixeiramente inferior á súa proporción a nivel estatal (23,78%). Esta contribución á creación de riqueza medrou nos últimos anos, pois en 1991 representaba tan só o 18,16%. A nivel estatal tamén incrementou a súa importancia, aínda que en menor medida, ao supoñer un 22,57% en 1991. En termos macroeconómicos, en Galicia existe un desfase entre a capacidade de produción, expresada no produto interior bruto a prezos de mercado, e a demanda interna. A diferenza entre as anteriores magnitudes, no ano 1995, cifrábase nun déficit do 9,25%; pola contra, no conxunto do Estado produciuse nese mesmo ano un superávit do 0,36%.
Comercio exterior galego
A demanda interna galega só se satisfai mediante un intenso intercambio co resto das comunidades españolas e do mundo. Á parte das relacións comerciais co resto das comunidades autónomas, imposibles de cuantificar na práctica, débese sinalar o déficit constante da balanza comercial galega nos intercambios co resto do mundo, ao superar as importacións en todo o momento ás exportacións. Estas últimas oscilan entre o 91,43% das primeiras no mellor dos casos (1996) e o 64,8% no peor (1991). En 1998, o volume das compras ao exterior alcanzou un total de 1.023.969,8 millóns de pesetas, fronte a unhas vendas de 884.170,5 millóns. Isto supón un déficit cuantificado en 139.799,3 millóns, e unha taxa de cobertura do 86,35% das compras ao exterior por parte das vendas. Esta proporción é sensiblemente superior á correspondente ao conxunto estatal (82,11%), case sempre máis deficitaria. Desde 1986, cando España ingresou na Comunidade Económica Europea, a internacionalización da economía galega non deixou de medrar, de feito ao remate do s XX, tanto as exportacións como as importacións cuadriplicaban, en pesetas correntes, ás dos anos oitenta. O peso de Galicia sobre o comercio exterior español é inferior ao que correspondería en función do seu volume demográfico; aínda así medrou a súa participación no relativo ás importacións (4,78% en 1985 fronte ao 5,16% en 1998) e ás exportacións (5,31% e 5,43%, respectivamente). O groso das exportacións está presidido pola produción automobilística, que pivota ao redor da factoría viguesa de PSA (Citroën-Peugeot) e representa o 39,26% das mesmas, esencialmente en forma de vehículos rematados (32,47% do total das exportacións) e, en menor contía, como pezas e accesorios. A segunda partida en importancia constitúena os produtos derivados do mar (peixe fresco e conxelado, conservas de peixes e mariscos), que supoñen o 12,81% do total. Outras exportacións destacadas son os produtos téxtiles (4,81%), a pedra para construción (4,16%, fundamentalmente granito e lousa, por esta orde), o material naval (3,11%), o aluminio en bruto e os seus derivados (2,99%), e os produtos petroquímicos (2,23%). No relativo ás importacións, destacan os produtos relacionados co automóbil, cun 28,34%, repartido a partes iguais entre vehículos rematados e pezas ou accesorios. Séguenlle en importancia os produtos do mar (17,05%), esencialmente peixe fresco e conxelado, moitas veces procedente da flota pesqueira nos caladoiros afastados das nosas costas, o petróleo e os combustibles sólidos, cun 8,66%, e a maquinaria (fundamentalmente motores), cun 5,47%. Xa con menor transcendencia, o mineral de aluminio en bruto (2,38%), a madeira (1,84%), e a soia e os seus derivados (1,63%). No relativo á procedencia das importacións, o resto dos países da Unión Europea representan o 64,76% das adquisicións galegas no exterior, en especial Francia, cun 36,71% e Portugal, cun 8,08%, e xa en menor contía o Reino Unido (5,67%) e Italia (5,06%). A incorporación á CEE intensificou as importacións deses países, que só representaron en 1985 o 21,85% das totais. A outra grande área abastecedora é Iberoamérica, de onde procede o 12,65% das importacións galegas, principalmente con orixe en Arxentina (4,38%) e México (3,53%). Do resto do mundo destacan os EE UU (3,82%), Namibia (2,37%) e Rusia (2,21%). No relativo ás exportacións, as facilidades comerciais derivadas da incorporación á CEE aínda son máis patentes: practicamente as catro quintas partes (79,78%) destínanse a eses países, en especial Francia (27,45%) e Portugal (20,25%), e nun segundo plano, Alemaña (7,96%) e Italia (7,58%). A Unión Europea é a única grande área económica coa que Galicia mantén un saldo comercial positivo. As exportacións a estes países medraron, pero a súa representatividade sempre foi elevada, pois xa en 1985 supuñan o 63,96% das vendas galegas ao estranxeiro. Iberoamérica absorbe só o 5,21% das exportacións: os principais clientes son Panamá (1,70%) e Arxentina (1,57%). No resto do mundo, EE UU adquire o 5,11% das exportacións, seguida a moita distancia por Israel, co 1,04%.
Comercio interior galego
O comercio interior galego, en termos de equipamento, representa o 7% e o 6,7%, respectivamente, das actividades de comercio por xunto e polo miúdo españolas, proporcións próximas á representatividade demográfica de Galicia. Polo que atinxe á superficie dos establecementos de venda polo miúdo, é bastante inferior, xa que só supón o 6,2% da estatal, do que resulta unha superficie media por actividade de 91,53 m 2 contra os 99,31 m 2 do conxunto español. A actividade comercial tende a concentrarse nos concellos máis importantes. A Coruña e Vigo, co 23,3% da poboación, acumulan o 33,4% dos comercios por xunto, a cuarta parte dos comercios polo miúdo e o 26,8% da superficie comercial. Nas cidades medias (Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela) a concentración é moi relativa e limitada ao comercio polo miúdo (para o 12,3% da poboación corresponde o 12,6% dos establecementos de venda por xunto, o 14,8% polo miúdo e o 14,5% da superficie). No tocante aos núcleos intermedios, hai un equilibrio nos que contan cunha poboación entre os 20.000 h e os 49.999 h (grandes municipios como Carballo, A Estrada, Monforte de Lemos, Narón, Redondela ou Vilagarcía de Arousa, con porcentaxes comprendidas entre o 9,5% e o 10,5%), e unha lixeira puxanza do comercio polo miúdo nos de entre 10.000 h e 19.999 h (vilas como O Barco de Valdeorras, Cambados, Noia, As Pontes, Sarria ou Viveiro, que acollen ao 18,4% da poboación, o 18,4 % dos establecementos de venda por xunto, o 21,3% dos de venda polo miúdo e o 20% da superficie). Xa nos concellos rurais, a representatividade comercial é inferior á demográfica: se nos máis grandes (entre 5.000 h e 9.999 h) a infradotación mercantil é pouco marcada (para o 18,5% da poboación corresponde o 16,6% dos distribuidores por xunto, o 17,2% polo miúdo e o 14,5% da superficie dedicada á venda), é moito maior nos máis pequenos (menores de 5.000 h), onde para o 17,3% da poboación contan só co 10% dos distribuidores por xunto, o 11,7% polo miúdo e o 14,3% da superficie comercial.
Comercio por xunto e profesional en Galicia
No grupo dos establecementos de venda por xunto, responsables da distribución intermedia, distínguense os distribuidores en orixe, encargados de aglutinar a produción para logo remitila aos mercados de consumo, e os distribuidores en destino, encargados de canalizar os bens entre os vendedores polo miúdo xa nos mercados de consumo. Entre os primeiros pódense sinalar dous exemplos ben concretos: os exportadores de lousa valdeorreses, moitas veces auxiliares das empresas produtoras e responsables de axilizar as vendas ao exterior dun produto eminentemente destinado á exportación, e as cooperativas de labregos do interior, dedicadas fundamentalmente ao viño e aos produtos lácteos, canalizadores da produción dos seus membros cara aos mercados. Entre os segundos destacan un número apreciable de pequenas empresas familiares distribuidoras de bens de consumo entre os vendedores polo miúdo da súa área de influencia; estes últimos conviven coas grandes cadeas de distribución (Gadisa, Eroski-Vegonsa, Distribuciones Froiz, etc) que contan con autoservicios maioristas (cash&carry) nas principais cidades e cabeceiras comarcais. A distribución comercial final en Galicia está protagonizada tanto polo comercio ambulante e estacional coma polo convencional. O primeiro, tradicionalmente cunha forte presenza no medio rural, asentábase nas feiras e en mercados periódicos, convertidos en espacios de relación comercial e social dun hábitat disperso. Coa crise da economía agraria tradicional foron perdendo peso, cando non desapareceron. Non obstante , fortalecéronse un reducido número de mercados, convertidos en lugares de referencia para a formación de prezos agrarios: son os mercados de Castro de Ribeiras de Lea, Salgueiriños e Silleda. Por outra parte, os mercados continuaron subsistindo como alternativa ao comercio convencional nas cidades e nas principais cabeceiras comarcais. Outros eventos periódicos, as feiras de mostras, consolídanse como espacios de difusión de novos produtos e negociación para futuros intercambios, máis que de compra-venda. En Galicia destacan as organizadas nos recintos feirais de Silleda, de Feiras do Noroeste (Ferrol) e Cotogrande (Vigo), ademais das organizadas en recintos construídos con este fin en Lugo e Ourense.
Comercio polo miúdo en Galicia
Segundo as formas comerciais permanentes, a maior parte corresponde ao pequeno comercio, asentado en multitude de establecementos de carácter familiar e cunha escasa capacidade financeira (que repercute na dificultade á hora de adoptar innovacións). A tipoloxía usual dos establecementos está constituída por pequenos comercios nos baixos dos edificios e polos agrupados en superficies destinadas a usos comerciais (minoritarios, aínda que en auxe), como son as tradicionais prazas de abastos de titularidade municipal e as galerías ou centros comerciais. O resto do equipamento comercial está en mans de novas formas comerciais, resultantes dunha modernización, xa sexa mediante a súa transformación en autoservicio, xa pola integración en organizacións de maior tamaño (franquicias, cooperativas de comerciantes polo miúdo, asociación a centrais de compras, cadeas de establecementos propios, etc), aínda que ás veces manteñan exteriormente o seu carácter de pequeno comercio (como os establecementos asociados á cooperativa Las Rías, de ferraxería, e O Mellor, de alimentación, ou os comercios asociados a cadeas de distribución de alimentación, como Único). No relativo ao autoservicio hai que distinguir os establecementos máis pequenos (supermercados e autoservicios) das superficies medias e a gran distribución. En Galicia, a primeira está representada en xeral por cadeas de distribución alimentaria: Gadisa (Gadis e Supermercados Claudio), Supermercados Froiz, Vegonsa-Eroski (Consum e Charter), Supermercados Cemar ou Unigro (Supermercados El Árbol), aos que se engaden Dia, Familia e Lidl no relativo aos autoservicios de desconto. Entre as superficies medias, cun tamaño intermedio entre os grandes supermercados e os hipermercados, destacan Champion (Grupo Carrefour), resultado da transformación dos antigos almacéns populares Simago e presente en cidades medias, Hiperfroiz (Grupo Distribuciones Froiz) en Vilagarcía de Arousa e Xubia (Narón), Haley (cadea fusionada cos Megaclaudio de Gadisa), con negocios no Carballiño, Monforte de Lemos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Ferrol, Vilalba, Viveiro e Tui e, finalmente, dentro do mesmo grupo, Hipercarry no Barco de Valdeorras. Na gran distribución destacan Carrefour (con hipermercados en Lugo, Ourense e Pontevedra, e dous centros na Coruña), Alcampo (con centros en Ferrol, Santiago de Compostela, e dous hipermercados en Vigo) e Hipercor (en Santiago de Compostela). Á parte dos centros mencionados, Toys’r’us conta con grandes superficies especializadas na comercialización de xoguetes na Coruña e Vigo. Outras grandes superficies non relacionadas co autoservicio son os grandes almacéns e os centros comerciais. Dentro dos primeiros está El Corte Inglés, con centros na Coruña e Vigo. Entre os segundos destacan: na Coruña, Cuatro Caminos e Los Rosales; en Ferrol, Porta Nova; en Poio (Pontevedra), Cento Comercial A Barca; en Pontevedra, Carrefour; en Santiago de Compostela, Área Central e Centro Comercial Compostela (Tiendas El Corte Inglés); e en Vigo, Centro Comercial Camelias e Plaza E. Tamén nas vilas de tamaño medio ou grande aparecen pequenos centros comerciais como Porto Plaza en Burela, Arousa en Vilagarcía e Narón en Xubia (Narón). -
comercio exterior
Conxunto dos intercambios comerciais que establece un territorio soberano co resto do mundo. Distínguese entre comercio de importación, que se refire á compra de produtos estranxeiros por parte dun estado, e comercio de exportación, relativo á venda de produtos nacionais ao estranxeiro. Os mercantilistas viron no comercio exterior a fonte de toda riqueza e, no comercio interior, un cambio na riqueza relativa dos individuos.
-
comercio polo miúdo
Comercio relativo a volumes pequenos de produtos de uso inmediato no que o comprador é o consumidor final.
-
comercio por xunto
Comercio a grande escala. Normalmente, os compradores son comerciantes polo miúdo, restauradores, comunidades relixiosas, centros escolares ou entidades similares.
-
s
m
-
s
m
Conxunto de comerciantes e actividades comerciais dunha poboación ou un país.
Ex: O comercio únese á folga e pecha as súas portas.
-
s
m
Establecemento dedicado á actividade comercial.
Ex: Gústame pasear mirando os escaparates dos comercios.
Sinónimos: negocio.
Refráns
- A amistade corra pero o viño a oito cartos.
- A amistade é unha cousa e o negocio é outra.
- A bo mercador, bo vendedor.
- Ben se entende que o que merca un, outro o vende.
- En todo tratar e pan labrar.
- Máis vale unha hora de trato que cen de traballo.
- Na almoeda ten a bola queda e a bulsa pecha.
- O comerciante sen diñeiro ten algo de milagreiro.
- O traxineiro é mal compañeiro porque ten que ir de rueiro en meiro e de meiro en rueiro.
- Os que cabra non teñen e cabritos venden ¿de onde lles veñen?
- Quen vende o trigo na eira e a la na ovella e o pan en agosto e o viño en mosto dá proveito a moitos.
- Redonda é a moeda, para que rode e corra e vaia e veña.
- Trata en sardiña e comerás galiña.
- Vale máis corda baleira que ruÍn feira.
- Vende na casa e merca na feira, se que res saír da laceira.
- Vende sardiña e poderás comer galiña.