Comillas
Municipio da Comunidad Autónoma de Cantabria, situado ao O de Santillana del Mar (2.364 h [1996]). A agricultura (hortalizas e millo) e a gandería son a base da súa economía. É un importante centro turístico, no que destacan os seus balnearios. No ano 1892 creouse o Seminario Pontificio de Comillas, rexido pola Compañía de Xesús, que tivo a súa orixe no colexio que os xesuítas posuían na beira do Miño, na parroquia de Camposancos (A Guarda). En 1904 converteuse en universidade e centro superior de estudios eclesiásticos, trasladada na década de 1960 a Madrid. A Compañía de Xesús dedicou as súas instalacións a diversas actividades, como casa de exercicios ou sede de colonias de verán, entre outras. No s XIX o concello sufriu unha renovación arquitectónica coas achegas dos mestres modernistas e novecentistas. Das construcións desta época destacan o palacio e a capela-panteón de Sobrellano, a Universidad Pontificia, a Villa Quijano ou Capricho de Gaudí e a fonte dos Tres Caños.