Comité Olímpico Español

Comité Olímpico Español
Nome científico: [COE]

Organización non gobernamental, integrada no Comité Olímpico Internacional, fundada o 23 de novembro de 1912 e presidida por Gonzalo de Figueroa ata 1921. O 11 de xaneiro de 1924 declarouse formalmente constituída, coincidindo coa entrada en vigor dos seus estatutos. Ten como principais misións promover no territorio español o espírito do olimpismo e organizar os equipos que participen nos Xogos Olímpicos en representación de España. Para esta última función colabora coas distintas federacións, que son membros do COE, e responsabilízase directamente da selección e dirección técnica dos deportistas nas súas respectivas modalidades. A súa orixe remóntase ao remate do s XIX; o primeiro antecedente corresponde á entrevista entre o barón de Coubertin e a raíña rexente María Cristina, na que o promotor da restauración do olimpismo solicitoulle a designación dun embaixador de España para o Comité Olímpico Internacional. Coa elección do marqués de Villamajor, Gonzalo de Figueroa, España quedou adherida ao movemento olímpico, de xeito que nos Xogos de París 1900 participou a primeira delegación. Nos anos seguintes, o marqués de Villamajor demostrou pouco interese pola súa pertenza ao COI, polo que a participación olímpica española foi moi discreta. Non obstante , o acceso á presidencia do consello de ministros do conde de Romanones en novembro de 1912, irmán de Gonzalo de Figueroa, provocou un xiro na actitude do goberno español ante o olimpismo. Polo seu talante liberal progresista e pola súa preparación intelectual, Romanones desexaba incorporar a España aos movementos internacionais renovadores e integradores, e o olimpismo, coa súa doutrina pacifista e universalista, percibíase como un instrumento privilexiado para acadar obxectivos propagandísticos nunha dobre vertente: na exterior, a difusión da imaxe internacional do país; e na interior, a proxección da normalidade nas relacións diplomáticas coa inclusión de España nun foro con vocación de universalidade. Así, o 23 de novembro de 1912 fundouse o COE, que presidiu Gonzalo de Figueroa ata que finou en 1921. Por último, o 11 de xaneiro de 1924 declarouse formalmente constituído o COE, coincidindo coa entrada en vigor dos seus estatutos.