Comité Olímpico Internacional
Organización internacional non gobernamental sen fins lucrativos que ostenta a suprema autoridade do movemento olímpico. Fundouse no Congreso de París o 23 de xuño de 1894 e a súa sede está en Lausanne (Suíza). Unha das súas principais atribucións, ademais da difusión do ideario olímpico, é a promoción, regulamentación e supervisión dos Xogos Olímpicos. En relación aos Xogos, correspóndenlle, entre outras, as decisións sobre as disciplinas deportivas que se inclúen no programa e as cidades onde se celebran. Os membros do COI son designados pola súa propia asemblea a proposta da Comisión Executiva. O seu organigrama está encabezado polo seu presidente, elixido de entre os seus membros mediante votación secreta para un período inicial de oito anos, prorrogables despois de someterse a unha reelección; o presidente representa permanentemente o COI, decide a constitución das diferentes comisións e grupos de traballo, e ten a facultade de designar os seus membros. Ademais, a Comisión Executiva é o organo de xestión ordinaria e ten como principais funcións velar polo respecto á Carta Olímpica, aprobar a organización interna, xestionar as finanzas e formular todas as regulamentacións, códigos e demais normas precisas para a aplicación da Carta Olímpica e a organización dos Xogos. Por último, a Asemblea Plenaria, denominada Sesión do COI, reúnese cunha periodicidade anual; é o seu órgano supremo, con capacidade de interpretar e modificar a Carta Olímpica.