Commynes ]
Historiador e estadista flamengo. Pertencente á familia Van den Clyte, en 1464 entrou ao servizo do conde de Charolais, o futuro Carlos o Temerario. Estivo na primeira expedición contra Liexa (1466-1467) e, entre outros encargos diplomáticos, tivo unha participación destacada na entrevista de Péronne (1468). En 1472 abandonou a Carlos e converteuse en asesor confidencial de Luís XI. Trala morte do rei en 1483, foi conselleiro de Ana de Francia. Foi condenado a dez anos de desterro por conspirar contra ela, pero recobrou o favor de Carlos VIII, a quen serviu como embaixador en Venecia e acompañou na campaña de Italia (1494-1495). Ata aproximadamente o 1506, ano no que se retirou da política, prestou servizo a Luís XII de Francia. Escribiu Mémoires (Memorias, 1524), fonte imprescindible para o coñecemento da historia de Francia entre os anos 1464 e 1498. A súa obra constitúe unha especie de tratado sobre a arte de gobernar no que priman a diplomacia e a prudencia sobre calquera outro medio para solucionar os conflitos. Consta de dúas partes: a primeira, integrada por seis libros e redactada entre 1489 e 1491, refire os feitos acaecidos durante os mandatos de Carlos o Temerario e Luís XI de Francia; a segunda, composta por dous libros e redactada entre 1495 e 1498, abrangue o reinado de Carlos VIII.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Renescure, Flandres -
Deceso
Lugar : Château d’Argenton, Francia