Compañía de Xesús
Orde relixiosa masculina fundada en 1534 polo fidalgo guipuscoano Iñigo López de Loiola (santo Ignacio de Loiola). Recibiu a aprobación pontificia en 1540, data que se adoita tomar como a da súa constitución oficial.
Singularidades e organización interna
Carisma e espiritualidade
Un dos principais trazos que diferenza o carisma xesuítico das demais congregacións cristiás é a exhaustiva preparación intelectual e profesional á que se someten os seus membros para desenvolver o seu labor apostólico: os xesuítas, á parte da formación relixiosa, están obrigados a seguir outros estudios con aplicación civil (aínda que non exclúen a posibilidade de profundar naquelas materias), pois unha das súas principais obras, dende a súa orixe, é o ensino, tanto no nivel elemental coma no superior. Tamén é peculiar dos xesuítas o voto de obediencia ao papa que fan ao ingresar na orde. A base da espiritualidade ignaciana é a oración persoal, segundo o modelo dos Exercicios Espirituais (EE EE), escritos polo fundador, experiencia á que se deben dedicar periodicamente e na que cada un deles trata de atopar as respostas ás interpelacións da súa vida (é dicir, tentar discernir a vontade de Deus).
Formación e organización
Iñigo López de Loiola naceu no ano 1491 en Loiola. Foi o derradeiro dos trece irmáns dunha familia da pequena nobreza guipuscoana. Pasou a súa mocidade na corte castelá, na que se converteu nun cabaleiro da época. Ao servizo de Carlos V, participou na defensa de Pamplona fronte aos franceses (1521), sitio no que recibiu graves feridas nas pernas. Durante a convalecencia na súa casa de Loiola, experimentou unha fonda viraxe cara á Deus; unha vez restablecido, converteuse en eremita penitente. Con 33 anos púxose a estudar para adquirir unha formación elemental, primeiro en Barcelona, despois en Alcalá de Henares e, finalmente, en París. Nesta cidade mantivo unha intensa comunicación espiritual con outros nove universitarios da Sorbonne (o navarro Francisco de Xavier), e xuntos ofrecéronlle a Deus uns votos semellantes aos relixiosos (1534). A especial devoción de Iñigo por san Pedro propiciou que o grupo se puxese ao servizo do pontífice, momento que coincidiu coa crise da Reforma protestante na Igrexa. En Roma amosáronlle ao papa unha fórmula de vida, que Paulo III aprobou solemnemente en 1540. Xurdía, deste xeito, a Compañía de Xesús (Societatis Iesu), dentro da cultura humanista do Renacemento. A nova orde destacaba, entre outras cousas, pola súa mobilidade apostólica, polo amplo abano de obxectivos pastorais e por un estricto senso de obediencia directa ao papa. A Compañía sostense sobre unhas normas de rigorosa autoridade. O superior universal da orde é o prepósito xeneral. Territorialmente, articúlase en provincias, nas que o máximo responsable é o padre provincial. A consciencia da necesidade dunha sólida formación motivou a elaboración dun intenso plan de estudios: os aspirantes a xesuítas deben cursar un noviciado durante dous anos (o normal noutras ordes é un), no que estudian latín, oratoria e fundamentos da Compañía (historia e Constitucións), e realizan os EE EE. Despois seguen estudios de teoloxía e filosofía. Unha vez rematados principian a súa carreira civil na especialidade que consensúan cos seus superiores (tamén poden optar por profundar naquelas dúas disciplinas), decisión na que se ponderan os talentos do individuo e as necesidades da comunidade. No tocante ao ministerio sacerdotal, non todos os xesuítas acceden a el; así, distínguense entre irmáns (coadxutores) e padres (sacerdotes).
Distintivos
Debido á súa implicación na sociedade civil, no seo da que desenvolven un grande abano de actividades profesionais, os xesuítas nunca adoptaron un hábito oficial que os distinguise, se ben foi moi normal (especialmente naqueles que se dedicaban exclusivamente ao exercicio do sacerdocio ou á docencia nos colexios propios) que vestisen a sotana e os atributos comúns entre os cregos. Empregan como distintivo o anagrama IHS (Iesu Homini Salvatore, en latín Xesús Salvador do Home) e o seu lema é Ad maiorem Dei Gloriam (Para maior gloria de Deus). O seu emblema heráldico recolle as armas dos señores de Loiola e dos de Xavier, en lembranza dos dous primeiros xenerais que tivo a orde. Finalmente, os xesuítas indican na súa sinatura a súa pertenza á Compañía engadíndolle S. I. ou S. J. (Societatis Iesu).
Historia
A expansión da Compañía
Cando finou santo Ignacio (1556), a orde contaba con 1.000 compañeiros e espallárase desde Portugal ata Xapón. Pouco máis tarde entrou na América hispana, onde desenvolveu un importante papel a prol dos indíxenas. En xeral, a expansión e eficacia dos xesuítas medrou ao longo dos ss XVI e XVII. A través dos colexios xesuíticos, que exercían a hexemonía no ensino, educouse unha elevada porcentaxe dos funcionarios e dos cargos da administración civil dos países católicos; este feito constituíu un factor de indubidable influencia política. Avanzado o s XVIII, a necesidade dunha actualización por parte da Compañía e o cambio sensible da sociedade e das ideas constituíron o miolo da importante crise que tiveron que aturar os sucesores de santo Ignacio. A ascendencia que a Compañía tiña sobre a ampla proporción de funcionarios da administración e políticos que foran colexiais motivou o receo dos ilustrados. Foron expulsados dos estados católicos de Europa Occidental: Portugal (1759), Francia (1764) e España (1767) e Nápoles (1767). Finalmente, en 1773 o Papa Clemente XIV suprimiu a orde ignaciana en todo o mundo; 25.000 xesuítas tiveron que abandonar as súas obras e moitos deles refuxiáronse en países protestantes, especialmente Alemaña, reclamados polos seus príncipes, que valoraban a Compañía como institución docente e científica. Tamén a corte imperial da ortodoxa Rusia, onde se estableceu o seu xeneral, acolleu a moitos xesuítas.
A restauración
O Papa Pío VII, dominicano, decretou en 1814 o restablecemento universal da Compañía. Os superviventes, de avanzada idade, atopáronse cun mundo completamente distinto que viña de experimentar unha revolución industrial, social e política, e que os obrigou a partir de cero. As condicións de exilio e clandestinidade, nas que se tiveron que desenvolver durante ese período, obstaculizaron a capacidade de asimilación e adecuación ás novas transformacións; como resultado, a compañía do s XIX e da primeira metade do s XX mantivo case sempre unha liña tradicional e conservadora, polo que sufriu novas expulsións temporais ao triunfar distintos movementos revolucionarios (España en 1820, 1835, 1868 e 1932; Alemaña en 1870; Italia en 1873; Francia en 1880; Portugal en 1910, etc). Despois do Concilio Vaticano II, a Compañía iniciou o proceso de adaptación aos novos tempos cunha recuperación da militancia e un achegamento á vangarda da Igrexa. Ao rematar o s XX (1991), a Compañía estaba presente en 113 países dos cinco continentes; nas 84 provincias xesuíticas traballaban 24.619 frades que rexentaban 666 centros de ensino (entre eles, 177 universidades e centros superiores, 357 escolas secundarias e 56 escolas profesionais), máis de 2.000 parroquias, ademais de medios de comunicación e centros de saúde. Ao principiar o s XXI a cifra total de xesuítas parece estabilizarse en 22.000. Ao longo da súa historia, a Igrexa canonizou ao redor de 50 xesuítas e beatificou a 140; entre todos eles, destacan os fundadores santo Ignacio e san Francisco Xavier, san Francisco de Borja, san Luís Gonzaga, santo Estanislao de Kostka, san Xoán de Brito ou san Paulo Miki.
O colexio xesuítico
No contexto da cultura renacentista, o colexio supuña unha novidade tanto no ámbito social coma no pedagóxico e relixioso. Eran escolas que se espallaron por todo o mundo en poucos anos, coa singularidade de que se articulaban e gobernaban segundo un código de regras e un plan de estudios, que constituían a Ratio Studiorum. O colexio, dirixido principalmente aos alumnos leigos, tamén estaba aberto a cregos e seminaristas. Abranguía todas as clases sociais, aínda que a maior parte pertencían a familias pobres e humildes: unha das regras da Ratio Studiorum compromete o reitor a non excluír a ninguén por non ser de condición elevada ou por ser pobre; ese obxectivo, sustentado no sistema de fundación, era o alicerce dos colexios e cubría, cando menos teoricamente, as súas necesidades financeiras. A fundación estaba patrocinada por un persoeiro da nobreza ou do alto clero, aínda que no s XVII interviñeron tamén fidalgos, burgueses ou institucións, como concellos e cabidos. Nas súas aulas aprendíase desde o abecedario ata teoloxía, pasando polas humanidades e as artes ou a filosofía; soamente se deixaba fóra o dereito e a medicina. Debido á súa orixinalidade e rigor científico (e tamén pola súa gran necesidade), os colexios medraron en número. En 1556, contaba con 46 colexios en todo o mundo; en 1640, con 300; en 1773, ano da supresión da Compañía, dobrábase ese número. Trala súa restauración en 1814, modificouse a Ratio Studiorum para adaptar o ensino á realidade dos tempos e ao avance da ciencia. Na nova Compañía os colexios suman máis de 1.600.000 discípulos.<BR> Os xesuítas en Galicia
A presenza da Compañía en Galicia remóntase ao 1552; os primeiros xesuítas chegaron a Santiago de Compostela en resposta a unha invitación recibida para gobernar a Universidade. A Universidade de Santiago de Compostela, fundada polo arcebispo Fonseca III en 1526, carecía dunha axeitada organización e de profesores, como consecuencia da marcha de Fonseca III a Alcalá de Henares. Mediado o s XVI, ocupou a sé o cardeal dominicano Xoán Álvarez de Toledo, membro da curia romana. En Roma coñeceu e trabou amizade con Ignacio de Loiola, e non dubidou en pedirlle a santo Ignacio que a súa orde se encargarse da Universidade de Santiago, pois xa tiña experiencia en Messina e mais en Roma. Aquela era unha encomenda nada doada para a Compañía, aínda moi feble en homes e en expectativas. Non obstante , santo Ignacio mandou a Santiago de Compostela a algúns xesuítas vedraños en cuestións universitarias para que tratasen cos cóengos que representaban a Universidade. Mentres, santo Ignacio e o cardeal seguiron as conversas en Roma (1552-1555). En agosto de 1553, santo Ignacio chegou a redactar uns estatutos para a Universidade compostelá, primeira norma lexislativa desta institución. Mais en Compostela, as desavinzas entre xesuítas e cóengos levaron ao fracaso da empresa. Despois da frustración do proxecto universitario, a Compañía volveu a Galicia para espallar unha rede de colexios propios. Antes da supresión universal de 1773, a Compañía estableceu en Galicia seis colexios, tres no s XVI e outros tantos no s XVII. Os tres colexios do s XVI foron os máis grandes e completos. Galicia tiña daquela ao redor dun millón de habitantes e moi poucas escolas minimamente articuladas. Asistían cada ano ao ensino máis de 500 alumnos en Ourense, A Coruña e Pontevedra, e máis de 1.000 en Monterrei, Santiago de Compostela e Monforte de Lemos.
Monterrei
O colexio fundouno en 1556 o III conde de Monterrei, Alonso Acevedo Zúñiga, cabaleiro entre medieval e renacentista, bo amigo dos xesuítas e particularmente de Francisco de Borja, superior de España e Portugal. O conde, sobriño de Fonseca III, era o segundo patrón da Universidade de Santiago de Compostela, e como tal desenvolvera un papel ambiguo e un tanto contraditorio nas conversas entre a Compañía e o cabido. Se cadra para compensar os xesuítas, decidiu levantarlles un colexio na capital dos seus estados. Desde as vilas próximas e afastadas, e mesmo desde Portugal, subían acotío ata o cumio de Monterrei, ao pé do castelo, centos de rapaces para ser aprendidos. Nalgún momento chegaron a ser preto de 2.000, cifra única en España. Diante do seu éxito, os condes e a Compañía tentaron converter o colexio nunha universidade, pero non houbo apoio económico; dese proxecto só se conservan os planos e un modesto cruceiro situado a carón da porta de entrada.
Santiago de Compostela
O colexio de Santiago de Compostela, fundado polo arcebispo Francisco Blanco en 1577, destaca pola súa vinculación coa Universidade; nas súas relacións non faltaron liortas, mais prevaleceu case sempre unha colaboración positiva. As clases de humanidades, as máis concorridas e base dos estudios universitarios, foron transferidas pola Universidade ao colexio xesuítico en 1648. Cando a Compañía foi expulsada de España (1767), todos os seus edificios, que eran a cerna da praza de Mazarelos, e as súas ben fornecidas bibliotecas herdounas a Universidade. Así mesmo, cómpre engadir que dende 1613 a Compañía dirixiu o Colexio-Seminario de Irlandeses de Santiago de Compostela; aínda se conserva nun pazo da rúa Nova, antiga localización daquel centro, unha estatua do seu patrón, san Patricio.
Monforte de Lemos
Don Rodrigo de Castro, fillo da III condesa de Lemos, instituíu o colexio monfortino. Foi bispo de Zamora e Cuenca, e despois arcebispo e cardeal en Sevilla. A escritura de fundación asinouse no ano 1591. A fábrica do colexio de Monforte de Lemos, chamado popularmente Colexio do Cardeal, xurdiu no límite entre o Renacemento e o Barroco e constitúe un dos edificios de uso docente máis emblemáticos da época. Pódese admirar aínda no seu esplendor, mellorado polos complementos que introduciron os escolapios, vixentes usufrutuarios. O fundador do colexio de Monforte de Lemos, igual ca o de Santiago de Compostela, está soterrado nun mausoleo da respectiva igrexa. Os xesuítas chegaron a Monforte de Lemos en 1593; daquela instaláranse nunha casa da rúa do Arrabal, onde principiaron provisionalmente a súa actividade, sufragados polo cardeal, á espera da conclusión das obras do colexio.
Ourense
Un veciño de Sandiás chamado Alonso de Santana, que emigrara a Potosí, fundou en 1622 un colexio en Ourense para os xesuítas, que foran anos antes os seus educadores en Monterrei. A Compañía instalou o colexio no barrio xudeu. Máis adiante foi refundado polo IV conde de Maceda, Xosé Bieito Lanzós Andrade. Rematado o s XVII, o concello e mais o cabido cederon ao colexio o estudo público da cidade, como habería de ocorrer na Coruña e Pontevedra. O templo actual de Santa Eufemia e o edificio que está ao seu carón constitúen a memoria visible do colexio.
Pontevedra
A fundación deste colexio tamén proviña de América, por medio do sacerdote Xurxo de Andrade que emigrara a Perú. Desde alí, e a requerimento dos rexedores da vila, contribuíu a que o colexio botase a andar (1653). Anos despois, custeou a obra don Antonio Mosquera, señor de Guimarei. A igrexa de San Bertomeu e a construción que está á beira dela foron o vello Colexio da Compañía.
A Coruña
Como acontecera en Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra, os xesuítas atoparon moitos atrancos para se establecer na Coruña. O colexio non obtivo propiamente fundación xurídica e sustentouse de esmolas e legados. Comezouse no ano 1673 trala misión popular dirixida por dous xesuítas. Ata o remate do século estableceuse na rúa de Santo André e despois os xesuítas construíron un edificio novo a rentes das murallas. O templo, proxectado por Fernando Casas Novoa, converteuse despois na igrexa parroquial de San Xurxo, mentres que a obra do colexio foi derrubada no s XX. No ano 1767, o labor dos colexios crebou cando o Rei Carlos III botou fóra dos seus dominios os xesuítas. Máis de cen compañeiros, que traballaban noutros centros de Galicia, foron levados ao colexio coruñés. Aqueles homes, amoreados dentro da casa e vixiados desde fóra, pasaron 40 días na Coruña agardando os barcos que os haberían de levar a Italia.
A nova Compañía
Reposta a orde ignaciana en 1814, os xesuítas tardaron moito en chegar a Galicia, onde xa non tiñan nada. En 1868 abriron unha residencia pastoral en Santiago de Compostela e, de seguido, outra na Coruña. Tamén se estableceron en Vigo, mais permaneceu só aberta entre 1874 e 1882. Non obstante , a empresa máis importante foi a creación do Colexio Apóstolo Santiago. Estableceuse provisionalmente no pazo de Anceis (Cambre), cedido polo conde de Priegue (1872). Tres anos máis tarde emigrou a Camposancos (A Guarda) onde conviviu, os primeiros tempos, con outras dúas institucións educativas: un Seminario para pobres, xermolo da Universidad Pontificia de Comillas, e un centro de estudios superiores, orixe da Universidad de Deusto. A presión social motivou que o colexio peregrinase de novo, esta vez a Vigo, en 1916. Posteriormente, os xesuítas intentaron instalar nesta cidade dúas residencias, mais sen resultado. A proclamación da Segunda República (1931) supuxo unha nova expulsión da Compañía; daquela, o colexio estableceuse en Portugal, onde permaneceu ata o estoupido da Guerra Civil, cando puido regresar; durante a guerra as aulas impartíronse nos balnearios de Mondariz e Guitiriz, xa que os pavillóns de Vigo se empregaron como hospital. En 1965 inaugurouse na Coruña un novo colexio, Santa María do Mar. Malia que os xesuítas levan moitos anos traballando en Galicia, non sempre se identificaron plenamente coa súa peculiaridade cultural. Este feito pódese atribuír a un conxunto de factores de índole interna: un deles sería a organización territorial da sociedade na Península Ibérica, baseada esencialmente nos grandes conxuntos políticos que a definían no s XVI (coroas de Castela, Aragón, Navarra e Portugal) e segundo a que Galicia, naquel entón un dos reinos da Coroa castelá, se incluía na provincia xesuítica de Castela. Este feito combinado coa súa accidentada traxectoria histórica, provocou que unha gran parte dos xesuítas que traballaron no país fosen naturais doutras rexións desa provincia, polo que, moi posiblemente dun xeito inconsciente, se convertían en axentes de aculturación; outro factor que propiciou o afastamento dos xesuítas do sentir galego foi o proceso de reeducación e desprendemento dos vínculos familiares que supuña o ingreso na orde, co seu estricto e prolongado noviciado e a súa posterior vida de misión aló onde os superiores os enviasen, de modo que moitos dos galegos que accedían a ela desenvolvían o seu labor lonxe da terra; cómpre tamén ter presente que no contexto cortesán do que procedían os primeiros xesuítas, os galegos eran descritos dun xeito bastante pexorativo. Malia todo, houbo entre os seus membros destacados valedores do país, como Xaime Seixas que, o 25 de xullo de 1965, celebrou a eucaristía en lingua galega no mosteiro compostelán de San Domingos de Bonaval. As autoridades autonómicas concedéronlle en 1985 a Medalla Castelao en recoñecemento polo seu labor a prol da cultura e da lingua do país.