complexometría

complexometría

(

s f [QUÍM]

Procedemento volumétrico de análise cuantitativa de ións metálicos para valoración cunha solución patrón dunha complexona, especialmente do sal disódico de ácido etilendiaminatetraacético (EDTA). Está baseado na formación de complexos estables dos ións metálicos co axente valorante; esta formación dá lugar no punto de equivalencia a unha variación brusca da concentración destes ións, que pode servir de base para a detección do punto mencionado. O comportamento do EDTA, e das complexonas en xeral, é amplamente selectivo. A determinación específica de cada metal conséguese regulando o pH da solución e engadíndolle axentes complexantes auxiliares. Desta forma, os metais que forman complexos máis estables (trivalentes e tetravalentes) valóranse a pH máis ácidos, mentres que os metais divalentes necesitan un pH máis elevado. Os axentes complexantes auxiliares (como o cianuro, a trietanolamina ou o 2,3-dimercaptopropanol) empréganse para formar complexos máis estables ca os do EDTA cos ións interferentes que están presentes na solución que se quere valorar. Ponse de manifesto o punto de equivalencia dunha valoración complexométrica instrumentalmente ou mediante indicadores, normalmente metalocrómicos (como o negro do eriocromo T, a murexida ou o calcón), substancias orgánicas coloreadas que cos metais forman complexos doutra color, non tan estables como as que forman estes co EDTA valorante, e que no punto final se separan do metal e presentan a súa coloración orixinal. Lévanse a cabo as volumetrías complexométricas segundo diversas técnicas: método directo, no que a solución ao problema se valora directamente con EDTA; método indirecto ou de retroceso, no que se adiciona á solución mencionada un exceso medido de EDTA, exceso que é valorado coa solución patrón de ións Zn(II) ou Mg(II); método de desprazamento, no que a solución do ión problema se adiciona á dun complexo metálico de EDTA menos estable e se valora o ión metálico desprazado con solución patrón de EDTA. OBS: A grafía x representa o son [ks].