Compostela
Publicación que saíu en 1967 na cidade de México co subtítulo de “Revista de Galicia”. Alejandro Finisterre fundou e dirixiu esta revista cultural da que só se coñece un único número bilingüe. Colaboraron Florencio Delgado, Luisa Carnes, Arturo Souto, J. Bal y Gay, Uxío Souto, R. Villar Ponte e Modesto Seara. A través da revista quérese amosar a obra de diferentes intelectuais galegos, con reproducións de textos de literatura galega e portuguesa, concretamente de Rosalía de Castro e Fernando Pessoa, discusións lingüísticas ou escritos sobre os galegos ilustres, ademais de información sobre os distintos centros galegos en México. Ilustrouse con fotografías relacionadas con actos culturais, como o III Congreso da Emigración Galega que tivo lugar en Santiago de Compostela.