Comunidade Económica e Monetaria de África Central

Comunidade Económica e Monetaria de África Central

Organismo de carácter económico fundado o 16 de marzo de 1994 en Ndjamena (Chad), como complemento da unión monetaria (BEAC) e da unión aduaneira e económica de África Central (UDEAC). A CEMAC é o resultado da unión de dous organismos anteriores: a unión económica de África Central (UEAC) e a unión monetaria de África Central (UMAC). Está formada por seis países de África Central, Camerún, República Centroafricana, Congo, Gabón, Guinea Ecuatorial e Chad. Presenta como obxectivos principais o establecemento dunha unión cada vez maior entre os pobos dos estados membros, a promoción dos mercados nacionais mediante a eliminación das trabas ao comercio intercomunitario, a coordinación de programas de desenvolvemento industrial e de programas de solidariedade con aqueles países da rexión menos favorecidos e a creación dun verdadeiro mercado común africano. A CEMAC organízase arredor dun órgano supremo -a Conferencia de Xefes de Estado-, e unha serie de órganos menores, que son os que preparan estas reunións, o consello de ministros, o secretario executivo e o comité entre estados. Nos seus estatutos figura a creación dunha Corte de Xustiza e dun Parlamento propio.