Comunidades Españolas
Publicación editada a partir de abril de 1998 na Coruña e fundada polo grupo Radio, Gestión y Publicidad S L (RGP). Coordinárona inicialmente Carlos M. Suárez González, Sofía Reyes e Olga Muñoz. Dirixida por Juan Madera, conta coa colaboración de Susana Evangelista, Beatriz Quintero, Silvia Tasende e Manuel Núñez, entre outros. Contén información xeral de carácter económico sobre Galicia e os países americanos, especialmente a relativa a Mercosur e ás Expogalicias celebradas en Bos Aires, Montevideo e São Paulo. Á parte, inclúe novas de actualidade, entrevistas, artigos de opinión e unha sección dedicada a reportaxes especiais. Durante 1999 editouse en castelán e portugués, debido á organización de Expogalicia en São Paulo, mentres que os números correspondentes ao ano 2001 se centran nos sectores económicos de Galicia. Difúndese gratuitamente entre os concellos e empresas de Galicia, nas embaixadas e nos centros galegos do exterior, e nas empresas galegas que teñen intereses económicos fóra do país.