conceptismo
(
Corrente literaria que se desenvolveu no Barroco xunto co culteranismo. Debe a súa denominación á importancia que os escritores da época lle concederon ao concepto, como modo de captar o real e a vía do saber. O termo designaba un pensamento profundo e agudo, e, de xeito máis amplo, unha modalidade da expresión figurada. A utilización dos procedementos retóricos para producir un concepto, ofrece a posibilidade de representar o obxecto prescindindo da súa descrición directa e aludíndoo por medio das relacións e correspondencias que establece con outros obxectos. O ideal de escritura baseábase nun modo de expresión que ofrecese a maior cantidade de información posible co mínimo de recursos e cunha ornamentación mínima. Entre as súas técnicas compositivas habituais están os xogos de correspondencias fónicas e semánticas, metáforas, alegorías, antíteses, diloxías, paranomasias, calembures, paradoxos, etc, que buscan a sorpresa do lector mediante asociacións estrañas e difíciles. Baltasar Gracián desenvolveu unha teoría do conceptismo no seu tratado Arte de ingenio, tratado de la agudeza (1642), onde vincula as nocións de concepto, agudeza e enxeño. Os principais cultivadores da tendencia foron Francisco de Quevedo, Lope de Vega e o propio Gracián.