concepto

concepto

(< lat conceptu ‘concepto’)

  1. s m
    1. [FILOS]

      Na lóxica clásica, representación abstracta e xeral dun obxecto que está asociada a unha palabra ou a un símbolo. Para Platón, os conceptos son as ideas perfectas que se forman nun mundo superior ao dos sentidos e que se reflicten nas cousas; para Aristóteles é o contrario, o concepto fórmase a partir das cousas. Os conceptos son os elementos últimos sobre os que se constrúe o edificio do coñecemento, e funcionan como suxeito e predicado no xuízo. As súas propiedades son a comprensión e a extensión. Pódese distinguir entre conceptos de individuo, de especie e de xénero, entre os que se establece unha relación de subordinación; Kant diferenciou entre conceptos a priori e a posteriori, segundo se deduzan ou non da experiencia; outros filósofos distinguen entre conceptos singulares e universais. O problema da súa orixe e da súa natureza estúdiase dende a Idade Media: o realismo afirma a súa existencia como realidades independentes do acto mental; o conceptualismo sostén que só teñen existencia en tanto que son concibidos pola mente. O nominalismo asegura que son simples nomes empregados para designar obxectos. En función da unidade entre realidade e pensamento, Hegel opúxose á noción clásica de concepto e afirmou que eran o proceso dialéctico por medio do que se realiza a autodeterminación da idea na superación das contradicións.

    2. Representación psíquica dunha cousa concreta ou abstracta.

      Ex: O concepto de felicidade é moi relativo.

      Sinónimos: idea, noción, idea, noción.
  2. s m

    Opinión que se forma unha persoa sobre algo ou alguén.

    Ex: Despois deste detalle mellorou o concepto que tiña del.

  3. s m

    Coñecemento descritivo dunha cousa.

    Ex: Parece que ten claro o concepto de trigonometría.

  4. s m

    Aquilo ao que se refire cada cantidade dunha conta ou dun orzamento.

    Ex: Na factura estaban detallados os conceptos.

  5. s m [LIT]

    Termo que designa un pensamento profundo ou agudo e, de xeito máis amplo, unha das modalidades expresivas fundamentais na literatura barroca. Xorde do establecemento dunha relación harmoniosa entre dous obxectos ou sentimentos non vinculados convencionalmente, mediante a abstracción dos trazos que teñen en común. Busca sorprender e marabillar o lector. Os procedementos retóricos utilizados habitualmente para producilo son o paradoxo, a antítese, a hipérbole, o oxímoro ou a suma de contrarios. Distínguense dous tipos, o petrarquista e o metafísico. O petrarquismo entendeuno como unha descrición metafórica de calidades físicas ou experiencias. Tivo grande influencia na poesía renacentista de Italia, Francia e Inglaterra, e sentou as bases formais dos catálogos de imaxes sorprendentes que caracterizan o marinismo. Pola súa banda, a vertente metafísica, cultivada especialmente polos poetas ingleses do s XVII, concibiuno como unha técnica metafórica achegada á alegoría. Nos ss XVI e XVII proliferaron en España e en Italia tratados baseados na retórica clásica, nos que se teorizaba sobre a súa natureza e os procedementos retóricos asociados, como Arte de ingenio, tratado de la agudeza (1642), de Baltasar Gracián, ou Delle acutezze che altrimenti spiriti, vivezze, e concetti volgarmente si appellano (1639), de Matteo Peregrini.

  6. adquisición de conceptos [PSIC]

    Xénese do concepto ao longo do proceso evolutivo. A maioría das investigacións experimentais realizadas neste campo débense a Jean Piaget e á Escola de Xenebra. Segundo Piaget, poden distinguirse tres etapas fundamentais na adquisición de conceptos: etapa das coleccións figurais (de 2,5 a 5 anos), etapa das coleccións non figurais (de 5,5 a 7-8 anos) e etapa das clasificacións xenuínas (a partir dos 8 anos).

  7. concepto creativo [COMUN]

    Plataforma única e orixinal dende a que se desenvolven as diferentes expresións que darán forma a un anuncio ou a unha campaña enteira.

Frases feitas

  • En concepto de loc prep En función daquilo que se expresa.