Concilio da mocidade
Concilio da mocidade
Movemento de renovación espiritual promovido pola comunidade ecuménica de Taizé (Francia), fortemente influído pola personalidade do seu prior Roger Schutz. Iniciou o seu labor na xuntanza do verán de 1974. Organiza reunións europeas anuais coa participación de grupos de mozos pertencentes a países de toda Europa. Neses encontros, nos que tomaron parte algunhas asociacións parroquiais de Galicia e de toda España, desenvolvéronse diversas actividades de carácter social e relixioso. Dous deles tiveron lugar en Barcelona, nos anos 1979 e 1985, con máis de 20.000 asistentes. O 7 de marzo de 1980, arredor de 2.000 rapaces xuntáronse en Sevilla e iniciaron unha peregrinación europea ata Bélxica.