concilio
(< lat concilĭu)
-
[RELIX]
-
s
m
Reunión de bispos da Igrexa católica, lexitimamente constituída para decidir ou lexislar sobre problemas eclesiásticos xerais. Os concilios, segundo o seu ámbito e importancia, poden ser universais (ou ecuménicos) e particulares (ou sínodos), que se dividen en plenarios e provinciais. Durante a segunda metade do s II, a Igrexa resolveu cuestións debatidas, como a unificación da data da Pascua ou a determinación dunha regra elemental da fe, dos libros do canon bíblico e do carácter de sucesores dos apóstolos propio dos bispos, e foi tomando conciencia da necesidade de reunir todas as igrexas para resolver problemas comúns. Durante o s III e a comezos do IV, o concilio era algo habitual na vida da Igrexa, sobre todo en momentos de crise; así, algúns problemas, como a validez do bautismo administrado polos herexes ou da penitencia dos lapsi, discutíronse en concilios (África e Asia Menor, cara ao 220; Cartago, en maio do 251, seguido dun en Roma; Antioquía, no 252). De aí que co Edito de Constantino o único que cambiou foi a posibilidade de darlle ao concilio unha amplitude ata entón descoñecida (a de toda a οἰκουμένη ‘terra habitada, universo’) e forza de lei imperial ás súas decisións. Guiado pola súa conciencia de pontífice máximo e buscando no cristianismo o novo fermento da unidade do Imperio, Constantino convocou, presidiu e promulgou o Concilio de Nicea (325), considerado como o primeiro dos ecuménicos. Os seus sucesores fixeron o mesmo cos outros grandes concilios de Oriente, aos que lles pediron establecer a formulación da ortodoxia nas controversias trinitarias e cristolóxicas, e a través dos que buscaron sempre o consentimento ou a aprobación do bispo de Roma. Os oito primeiros concilios levados a cabo nestas condicións consideráronse privilexiados en canto á súa universalidade, ata o punto de que as igrexas ortodoxas non aceptaron ningún outro. A Igrexa occidental seguiu a súa tradición cunha serie de concilios que lexislaban tanto cuestións de fe como outros problemas eclesiástico-civís; o feito, sen embargo, de que fosen reunidos e aprobados polo papa fixo que co tempo os teólogos católicos os considerasen ecuménicos. Despois do Concilio de Trento, non obstante, a progresiva diminución da autoridade da Igrexa sobre os eidos profanos da vida levou a un tipo de concilio máis semellante aos primitivos e, así, o Concilio Vaticano I e, sobre todo, o Concilio Vaticano II, foron sínodos totalmente intraeclesiais. A teoloxía dos concilios é a mesma ca a do episcopado, por isto recoñéceselles a autoridade no territorio que os bispos reunidos lexitimamente representan; identifícase no concilio ecuménico unha autoridade suprema sobre toda a Igrexa e, coas condicións requiridas, o carisma de infabilidade. O dereito canónico condiciona a existencia actual dun concilio ecuménico na súa convocatoria, confirmación e promulgación por parte do papa. Son membros todos os que forman parte do colexio episcopal e aqueloutras persoas explicitamente convocadas. Considérase que houbo vinte e un concilios ecuménicos.
-
concilios medievais
Asembleas mixtas de señores eclesiásticos e nobres, convocadas polos monarcas, nas que se trataban materias eclesiásticas e seculares. Neles formulábanse ocasionalmente principios políticos xerais, como a obriga de acatamento polos súbditos das ordes do príncipe. O estamento eclesiástico ocupábase da promulgación dos decretos e do castigo das infraccións con penas espirituais. Como consecuencia do movemento de fortalecemento e centralización que acometeu o papado dende finais do s XI, os concilios limitáronse a cuestións eclesiásticas. Constituían prolongacións dos concilios de Toledo da época visigoda.
-
s
m
-
s
m
Reunión de xente para tratar un tema determinado.
-
s
m
Colección dos decretos dun concilio.