concubinato
(
Cohabitación dun home e dunha muller que non están legalmente unidos en matrimonio. Ao longo da historia o concubinato foi unha constante nas diversas sociedades, aínda que usualmente os dereitos das concubinas nunca foron equiparables aos das mulleres lexítimas. Co tempo, a tolerancia cara ao concubinato minguou e o cristianismo logrou ennobrecer xurídica e moralmente a institución do matrimonio; xudicialmente, os emperadores cristiáns abolírono definitivamente no s IX. O dereito canónico inclúe dentro do concubinato o matrimonio civil que non pode ser recoñecido como válido, polo que castiga os concubinos coa privación do dereito a realizar actos lexítimos eclesiásticos. Non obstante , o dereito civil do Estado español foi parello ao evolutivo recoñecemento social do concubinato e tendeu a identificar progresivamente a unión de feito, a regulala legalmente e a incrementar a nómina de dereitos dos concubinos.