Condado, O

Condado, O

Comarca constituída segundo a Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia (1996) e situada no SO da Comunidade Autónoma. Limita ao N coa comarca metropolitana de Vigo (concellos de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén), ao S co río Miño, que atravesa o territorio de L a O, separando a comarca de Portugal, ao L coa comarca da Paradanta (Covelo, A Cañiza e Arbo) e ao O coas de Vigo (Mos, O Porriño e Salceda de Caselas) e O Baixo Miño (Tui). Abrangue unha superficie de 340,99 km2nos que acolle unha poboación de 38.154 h (1996), distribuídos entre os concellos de Mondariz (85,13 km2; 6.347 h), Mondariz-Balneario (2,31 km2; 636 h), As Neves (65,50 km2; 5.033 h), Ponteareas (125,56 km2; 17.360 h) e Salvaterra de Miño (62,49 km2; 8.778 h). A cabeceira comarcal é Ponteareas, situada a 42° 9’ 55’’ de latitude N e 8° 30’ 30’’ de lonxitude O. A comarca adecúase perfectamente a unha clara unidade natural (o val do río Tea) e histórica, cun centro funcional indiscutible na súa cabeceira, sede de partido xudicial do que dependen, ademais dos concellos do Condado, os da Paradanta. Ponteareas centraliza todos os servicios administrativos, cun radio de influencia que se circunscribe exactamente coa comarca natural (agás para asuntos xudiciais), aínda que cada un dos restantes termos presenta unha determinada especialización económica. Vigo preséntase como o centro de rango superior ao que se vincula todo o ámbito do Condado.
Xeografía física
O relevo da comarca do Condado resólvese en tres unidades morfolóxicas ben diferenciadas: no extremo meridional aséntase o amplo val do río Miño; unha serie de elevacións montañosas, máis importantes ao N e ao L, enmarcan o territorio comarcal; por último, no espazo central que queda entre os dous anteriores, aséntanse os vales dos ríos Tea e outros menores, como o Termes, o Xuliana e o Mendo, que verten as súas augas directamente no Miño. As elevacións que bordean a comarca, agás polo S, son: ao O, en Ponteareas, os montes do Galleiro (744 m); ao N, en Mondariz, os contrafortes do Faro de Avión, o Eira (883 m) e o Couto do Corno (802 m); ao L a serra da Paradanta, nas Neves, coas máximas cotas no Chan do Rei (954 m) e San Fins (669 m). Todas estas elevacións están modeladas sobre rochas hercinianas graníticas e metamórficas de tipo xistoso, e están moi afectadas por unha intensa rede de fracturas hercinianas e alpinas. Sobre estas fracturas, de dirección NO-SL e SO-NL aséntanse os leitos dos ríos que circulan polo centro da comarca. O Tea é un dos principais tributarios do Miño no seu curso baixo. No seu nacemento, na serra do Faro de Avión, discorre bastante encaixado, cunha dirección L-O, pero, ao chegar a Ponteareas e recibir o río Borbén, vira cara ao S e discorre por unha chaira a tan só 13 m de altitude. O río Miño, ao S, discorre a través dun relevo aberto propiciado pola existencia de depresións e fracturas con direccións N-S. Estas condicións topográficas e morfolóxicas favoreceron a formación dunha serie de terrazas nas marxes do río (ata sete niveis no O da comarca, no termo de Salvaterra). Á parte destes depósitos, nos vales de todos os ríos comarcais aparecen frecuentes acumulacións de materiais non consolidados de tipo area, arxila ou grava, que foron depositados a partir do Mioceno. O amplo val do Miño favorece a penetración das masas de aire húmido procedentes do Atlántico, de xeito que os rexistros meteorolóxicos permiten encadralo no dominio climático oceánico húmido. O seu clima é moi similar ao das Rías Baixas, sen apreciarse apenas a súa situación cara ao interior. Así, as variacións térmicas estacionais e diúrnas son febles, e as precipitacións móstranse abondosas grazas á influencia da circulación ciclónica do O. A temperatura presenta uns valores moi suaves, sen coñecer invernos fríos nin veráns excesivamente calorosos. A temperatura media anual sitúase nas terras dos vales do Tea e do Miño entre os 14°C e 15°C, e baixa nas áreas máis montañosas ata os 12°C. O mes máis frío é xaneiro, con 8,5°C e 6,5°C, respectivamente, en cada unha das áreas, mentres que o máis cálido é xullo, cunha temperatura media de 21,5°C nas terras baixas do val do río Tea, 22,5°C nas ribeiras do Miño, e 17,8°C nas áreas que superan os 500 m de altitude. A oscilación térmica anual, aínda que é baixa, é máis ampla nos vales fluviais (13°C), mentres que nas elevacións se reduce aos 11,3°C. Este ambiente térmico morno, motivado pola penetración a través do Miño de aire húmido e cálido do Atlántico, favorece a escasa presenza de xeadas. No fondo dos vales fluviais, os días libres de xeada ao ano son uns 320, aínda que nos límites montañosos da comarca esa cifra baixa considerablemente para situarse en 260 en Ponteareas e en 220 nas terras máis altas. A disposición do relevo litoral en aliñacións paralelas á costa actúa como pantalla pluviométrica. Así, os aproximadamente 2.000 mm anuais que se recollen na costa vense reducidos nas terras baixas e abrigadas do Condado a valores comprendidos entre os 1.200 mm (Salvaterra de Miño) e os 1.500 mm (Ponteareas): estas cantidades medran nos contrafortes montañosos limítrofes ata os 1.700 mm-1.800 mm. O réxime pluviométrico é simple, cun máximo no inverno (estación na que se recollen o 38% das precipitacións) e un mínimo moi acusado no verán (8%). As estacións intermedias reparten o resto da chuvia, pero no outono é algo máis elevada (28%) ca na primavera (26%). O número de días de chuvia ao ano é baixo no contexto galego, situándose entre 120 e 140. Malia ser un clima húmido, está presente a aridez estival. O período con déficit hídrico (situado entre os 200 mm e os 400 mm) esténdese a dous meses (xullo e agosto) na maior parte da comarca, pero nas ribeiras do Miño o mes de setembro tamén é árido. As nevaradas son moi esporádicas, como consecuencia da benignidade térmica (poden pasar varios anos sen nevar, aínda que nas terras altas adoitan darse de 2 a 3 días ao ano).
Xeografía humana
A poboación do Condado aséntase maioritariamente nas fértiles terras do centro e do S da comarca, atravesadas polos vales dos ríos Tea e Miño, mentres que os rebordos montañosos presentan unhas densidades moi baixas. A evolución demográfica experimentada dende o primeiro censo de poboación de 1887 ata a renovación do padrón de 1996 foi expansiva, pois o número de habitantes pasou de 33.222 a 38.154. Pero esta evolución positiva non foi un fenómeno regular, senón que se alternaron períodos de crecemento con outros de declive. Así, dende 1887 ata 1940, houbo un incremento continuado da poboación, a un ritmo medio do 0,34% anual. O saldo vexetativo fortemente positivo condicionou este aumento, pois a emigración cara ao continente americano foi intensa ata finais dos anos vinte, momento no que a crise financeira internacional cortou esa corrente. Entre 1940 e 1950 a poboación estancouse sen chegar a descender (o crecemento anual nesta década foi do 0,06%). A natalidade, que caera coa Guerra Civil, aínda non lograra recuperarse e as penurias económicas da posguerra provocaron a contención do incremento poboacional. En 1950 acadouse o máximo poboacional da comarca, 39.322 h. Dende esa data e ata 1970 produciuse o primeiro episodio de declive demográfico, cun descenso anual do -0,42%; foi o momento álxido da segunda onda emigratoria galega. Ata 1960 foron moi numerosas as saídas cara a Venezuela, Arxentina e México, pero a partir desa data quedou practicamente cortada a emigración a América e iniciouse, ademais da europea, a que tiña como destino as cidades españolas máis industrializadas, especialmente Madrid, Barcelona e Bilbao. Nos anos setenta, a crise económica internacional freou de novo a emigración e comezaron a producirse numerosos retornos de emigrados, de xeito que entre 1970 e 1981 O Condado viviu un novo ascenso demográfico, cun incremento poboacional do 0,2% anual, ao que axudou un crecemento vexetativo aínda positivo. Entre 1981 e 1991 notouse a influencia de Vigo como foco de atracción de poboación e o descenso do retorno de emigrantes. Tamén se aprecian os primeiros síntomas de avellentamento e o saldo vexetativo sitúase en valores cada vez máis próximos a cero. Por todas estas razóns, este período coñeceu un decrecemento dun -0,23% anual. Finalmente, no último quinquenio (ata 1996) experimentouse un forte incremento, o 6,12%, no que incidiu de xeito destacado o proceso de urbanización de Ponteareas, que se consolidou como un núcleo urbano con importantes e crecentes funcións, tanto secundarias coma terciarias. No Condado percíbense signos de lixeiro avellentamento, pois un 17,8% da súa poboación conta con máis de 64 anos, mentres que os menores de 20 son o 24,38%. Na estrutura por idades existen importantes contrastes intracomarcais, pois As Neves, Mondariz e Mondariz-Balneario presentan uns índices de senectude máis acusados ca Salvaterra de Miño ou Ponteareas, xa que nos primeiros incidiu en maior medida a emigración. Existe un desequilibrio bastante elevado entre sexos (o 52,35% da poboación son mulleres) que se repite en todos os concellos, froito da maior saída de emigrantes masculinos e da alta esperanza de vida feminina. O saldo vexetativo (1996) é moi negativo, -2,79‰, debido a unha natalidade moi baixa, 7,33‰, e a unha taxa de mortalidade que, sen ser excesivamente alta, a supera en boa medida, 10,12‰.
Xeografía económica
A comarca do Condado presenta unha estrutura económica moi diversificada. A amplitude e fertilidade dos vales dos ríos Tea e Miño son a base do seu potencial agrícola, que se ve favorecido tamén por posuír un clima moi benigno e polas facilidades de regadío. A agricultura está cada vez máis orientada ao mercado e especializada en produtos de alta rendabilidade, como as flores, os viños e a horta. Os viños brancos tradicionais do Condado (os máis apreciados dos seus caldos, afroitados e aromáticos) están feitos cunha mestura de uvas de castes albariño, treixadura e loureira, mentres que os tintos elaborábanse coas variedades espadeiro, caíño e outros tipos autóctonos. A área vitivinícola está integrada na Denominación de Orixe Rías Baixas. Este cultivo é moi rendible, pois, ademais da Denominación de Orixe, logrou o recoñecemento no mercado, polo que a terra que o produce acadou un gran valor como factor produtivo. A gandería bovina ten pouca presenza e tan só o 6% do espazo comarcal está dedicado a pastos. A gandería avícola industrial está moi estendida, cunha especial presenza en Ponteareas e Salvaterra de Miño. A silvicultura é unha significativa fonte de ingresos, por mor da gran proporción de terras de elevada altitude só aptas para o aproveitamento forestal; están poboadas de especies de rápido crecemento, como os piñeiros e os eucaliptos. Este uso ocupa o 55% do espacio. En conxunto, todas as actividades relacionadas co sector primario empregaban en 1996 o 10,46% da poboación ocupada do Condado, aínda que hai unhas fortes disparidades intracomarcais derivadas da maior ou menor aptitude agrícola das terras e do grao de desenvolvemento urbano e industrial de cada concello (Mondariz, 12%; Mondariz-Balneario, 5,5%; As Neves, 19,9%; Ponteareas, 8,7%; Salvaterra de Miño, 8%). A agricultura a tempo parcial, basicamente de cultivos de horta, practícana a miúdo os traballadores doutros sectores económicos, e constitúe un importante complemento da renda familiar. A industria ten unha presenza notoria na comarca e presenta unha gama de empresas bastante diversificada, moitas delas baseadas no rendemento das potencialidades endóxenas. Destacan as ramas de primeira transformación de minerais (extracción de granito e áridos, e elaboración de formigón e cerámicas para a construción), o sacrificio de aves e conservas cárnicas (como o matadoiro e sala de despezamento avícola Avigan, en Ponteareas, que emprega a 150 traballadores), a madeira, con multitude de serradoiros e algunhas fábricas de mobles, e o embotellamento de augas minerais, campo no que Augas de Mondariz é unha empresa importante no conxunto do Estado. O sector industrial dá emprego ao 23,27% dos activos comarcais. Son habituais os movementos pendulares diarios de traballadores da comarca cara á vila cabeceira e cara a municipios da área metropolitana de Vigo (Mos, O Porriño e Vigo) para traballar na industria e na construción. A construción presenta un alto volume de emprego, 18,37% da poboación activa. Esta actividade vese favorecida polo dinamismo da edificación de vivendas, especialmente na cabeceira comarcal. É particularmente relevante á hora de crear emprego en Salvaterra de Miño, onde ocupa o 26% dos traballadores. Os servicios empregan o 47,9% dos activos, aínda que nos municipios de Mondariz e Mondariz-Balneario presentan un desenvolvemento máis importante debido aos establecementos balnearios e hoteleiros alí establecidos. Na vila cabeceira, a especialización funcional terciaria fai que a súa implantación sexa moi importante, acollendo a máis do 65% dos ocupados. Destacan sobre o resto das actividades o comercio, a hostalería e os servicios sociais, que teñen unha importancia similar na comarca e que ocupan en cada unha destas ramas algo máis dun 11% dos traballadores. As vías de comunicación máis destacables son a autovía das Rías Baixas (A-52), que atravesa os concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño e As Neves, e a estrada nacional N-120 que pasa polo centro do espazo comarcal. Existe ademais unha ampla rede de estradas que comunican as capitais municipais entre si e coas comarcas veciñas. O ferrocarril Vigo-Ourense pasa polos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, con cadansúa estación.
Historia
Os achados de instrumentos líticos achelenses en Salvaterra de Miño e As Neves testemuñan a antigüidade do poboamento na comarca. Da cultura megalítica (3.500-2.000 a C) consérvanse as mámoas de Campo Mouro (Mondariz), Liñares e As Neves (As Neves) e A Salgosa (Salvaterra de Miño). Da Idade do Bronce (1.500-600 a C) quedaron vestixios nas numerosas estacións de gravados rupestres existentes. A importancia que acadou nestas terras a cultura castrexa (ss VI a C-II d C) compróbase nos restos de abundantes poboados dese período, como os de Río Frío e Castromao en Mondariz, Coto da Cividade en Mondariz-Balneario, Altamira (moi romanizado) nas Neves, e Troña e A Cividade en Ponteareas. A romanización deixou unha significativa pegada, da que destacan a Ponte de Cernadelas (Mondariz), pola que se cre que pasaba a Via XIX de Antonino Pío. En Angoares (Ponteareas) estaba situada unha vila romana. Os pescos para capturar as lampreas e a canle de Vide (As Neves) parecen tamén ter a súa orixe na época romana. Durante a Idade Media, as terras do Condado estiveron dominadas por unha nobreza que tiña un gran poder. A torre-fortaleza de Sobroso (Mondariz) protagonizou a historia da comarca. Esta fortaleza foi testemuña das loitas dinásticas entre dona Urraca, o seu fillo (o futuro Afonso VII) e a súa irmá Tareixa de Portugal. Tamén se viviron neste castelo os conflitos polo control deste espazo entre don Diego Sarmiento, señor de Sobroso, e don Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) durante o s XIV. A comarca estivo moi condicionada pola situación fronteiriza con Portugal, de xeito que Salvaterra de Miño se converteu nunha estratéxica praza forte, escenario de múltiples contendas entre nobres de ambas as dúas beiras do Miño. A comezos do s XVII, Filipe II concedeu a Diego Sarmiento de Soutomaior o título de conde de Salvaterra, orixe do nome actual da comarca. Durante o Antigo Réxime, todas as parroquias do Condado pertencían á provincia de Tui, e distribuíanse entre as xurisdicións de Salvaterra, Sobroso, Achas e Oliveira, ademais do couto redondo de Toutón. Os concellos actuais creáronse entre 1812 e 1835, agás o de Mondariz-Balneario, xurdido en 1924 trala segregación do de Mondariz, ante o pulo do seu balneario. En terras de Mondariz construíuse o Gran Hotel para a explotación das augas mineiromedicinais que foran declaradas de utilidade pública quince anos antes. Ata a Guerra Civil, o balneario contou con moita sona e frecuentouno a alta sociedade española e portuguesa, antes de que entrara en decadencia e ata que foi destruído por un incendio en 1973.
Patrimonio cultural
A riqueza patrimonial da comarca data de épocas moi antigas. Ademais dos castros e restos arqueolóxicos mencionados, destaca a estela antropomorfa da época romana atopada en Cernadela (Mondariz). A ponte de Cons (Ponteareas) é probablemente romana, mentres que a ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) é gótica. No que respecta ao patrimonio arquitectónico, sobresae San Pedro de Angoares (Ponteareas), a única igrexa románica de planta cruciforme e ábsida rectangular. Da época visigoda consérvanse sepulcros antropomorfos en Frades (Mondariz). Xa posteriores son a igrexa parroquial de Salvaterra de Miño, renacentista, a parroquial das Neves, barroca, que se construíu en 1668 sobre o lugar onde se lle apareceu a Virxe a un pastor, e a parroquial de Mondariz, do s XVIII, que conserva no seu interior dous lenzos que se atribúen a Tiziano e a Murillo. Outras igrexas destacables da comarca son as de Riofrío e Mouriscados en Mondariz, as de Taboexa, Vide e Ribarteme nas Neves, as de Santa María das Pías e Santa María de Areas en Ponteareas e as de San Xoán de Fornelos da Ribeira e de Arentei en Salvaterra de Miño. Do castelo de Vilasobroso (Mondariz), consérvase a torre da homenaxe e a dobre muralla. A arquitectura palaciana está amplamente representada por un gran número de pazos, entre os que destacan o pazo da Mercé e a casa de Barros nas Neves, os pazos da Inquisición, da casa torre de Petán e das Barreiras en Salvaterra de Miño. Ademais dos gravados rupestres conservados nas Neves e Ponteareas, declarouse Ben de Interese Cultural a Torre de Sequeiros en Ribarteme (As Neves) e o castelo do Conde (Salvaterra de Miño). En Mondariz-Balneario consérvanse as ruínas do Gran Hotel-Balneario (1893-1897), construído por Xenaro de la Fuente Domínguez, que mantén o pavillón realizado por Antonio Palacios en 1908 sobre a fonte da Gándara. Entre as festas que se celebran na comarca destacan as do Corpus Christi en Ponteareas, a romaría de Santa Marta de Ribarteme nas Neves, a festa da Picaraña ou de Santa Cruz en Ponteareas, San Lourenzo e Santísimo Cristo da Victoria en Salvaterra de Miño, a Virxe da Pena de Francia en Mondariz e o Rancho de Reis de Riofrío en Mondariz. Entre as festas gastronómicas sobresae a Festa do Viño do Condado en Salvaterra de Miño.