Conde Aldemira, Arturo
Arquitecto. Estudiou na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (1966). Instalouse en Vigo en 1968, cidade dende a que desenvolveu a súa actividade profesional na construción e no urbanismo. Participou na organización do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), do que foi presidente da subdelegación de Vigo (1973-1975 e 1983) e decano-presidente (1986-1989). En 1999 nomeárono director do departamento de Obras do Consorcio da Zona Franca de Vigo e no 2000 director do departamento de Servicios Técnicos e Obras. Entre as súas obras destacan o centro psiquiátrico de Toén, o concello de Vigo, a escola de Enxeñería Industrial de Vigo, o centro de saúde de Codeseda e o centro técnico de Conservas do Peixe de Vigo (1995). Como urbanista realizou traballos de planificación en diversos concellos galegos. Desenvolveu tamén traballos de rehabilitación do patrimonio, entre os que sobresaen os realizados na igrexa do mosteiro de Santa María de Oia, na igrexa do mosteiro das Clarisas de Mosteiro (Ramirás) e na igrexa das Ánimas en Santiago de Compostela. Publicou diversos artigos en revistas especializadas como Arquitectura, e en xornais como El Correo Gallego e Atlántico Diario. En colaboración con Gabriel Santos Zas é autor do estudo “Análisis de la arquitectura viguesa contemporánea, 1875-1936” para o libro Vigo y su Historia (1980).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ourense