Conde Cid, Alfredo
Escritor e político. Cursou estudios na Escola de Náutica da Coruña entre os anos 1962 e 1966, e navegou como mariño mercante desde 1966 a 1968. Posteriormente, dedicouse á docencia ata que comezou a participar activamente na política. En 1982 obtivo o cargo de deputado independente polas listas do PSOE no Parlamento de Galicia e durante o goberno tripartito, entre outubro de 1987 e febreiro de 1990, exerceu como conselleiro de Cultura. Foi un dos fundadores do grupo Voces Ceibes, que aglutinou os cantautores da Nova Canción Galega a partir de 1968; membro fundador e primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo do que dimitiu trala organización do Primeiro Congreso de Escritores, é membro fundador e primeiro presidente do PEN Clube de Galicia, posto do que tamén dimitiu unha vez organizado o Congreso Mundial do PEN en 1993. A súa andaina literaria comezou co poemario Mencer de lúas (1968), pero o xénero que cultivou con maior asiduidade e éxito foi a narrativa. A súa produción neste eido iniciouse con Mementos de vivos (1974), unha colección de relatos de marcado ton autobiográfico, á que seguiron as novelas Contubernio catro de Tomé S. (1978, reeditada co título de O contubernio en 1987), na que dá unha visión da sociedade galega de finais dos anos sesenta, mediante técnicas experimentais, como o monólogo interior ou a incorporación de varias modalidades discursivas (discurso legal ou xornalístico) e lingüísticas (inglés e francés), e Come e bebe que o barco é do amo (1978, reeditada con cambios baixo o título de O barco en 1995), onde presenta as contradicións da sociedade galega de finais dos anos corenta con técnicas similares á anterior. A partir de Breixo (1981, Premio da Crítica Española, 1981; Premio da Crítica Galega, 1981), comezou unha renovación progresiva da súa narrativa. A novela xira ao redor da soidade e da problemática identidade do protagonista. Cun discurso que oscila entre o real e o imaxinario, sintetiza múltiples aspectos da realidade, como a trivialización da vida, a condición da muller, o problema galego ou a relixión, nos que o esencial é a aventura existencial, a busca dun sentido á vida. Seguidamente publicou Memoria de Noa (Premio Chitón de novela; Premio Ícaro de Diario 16, 1984), soliloquio no que unha muller tenta reconstruír a súa identidade enfrontándose ao seu pasado, aos seus medos e frustracións. A fórmula narrativa empregada é unha extensa analepse coa que a protagonista acompaña mentalmente a súa práctica matinal de footing, interrompida polos momentos de descanso nos que a súa atención se detén no contorno e no presente. Xa vai o Griffón no vento (Premio Blanco Amor, 1984; Premio da Crítica Literaria Española, 1986; Premio Nacional de Literatura, 1986; Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira publicada en Italia, 1990) articúlase sobre dúas liñas argumentais, a historia dun Visitador do Santo Oficio na Compostela do s XVI, que fornece de libros erasmistas a varios conventos, e a dun escritor galego frustrado que exerce como profesor visitante nunha universidade provenzal. Ambos os dous personaxes comparten unha serie de actitudes: a conciencia de pertencer a un país silenciado e castigado pola historia e a defensa do librepensamento contra todo tipo de imposicións sociais e ideolóxicas. A aparición de Música sacra (1989) supuxo unha volta ao relato breve, na que a unidade do conxunto vén dada polas citas de Bearn de L. Villalonga que preceden a cada un amodo de fío condutor. Na década dos noventa alternou a creación en galego -O longo poema do fin do mundo (1993), acompañado de gravados de Quintana Martelo, e o libro de relatos A casa de Adara (1996)- con varias obras en castelán, El tercer lugar (1990), Los otros días (Premio Nadal, 1991), Cubita, la bella (1992) e Azul Cobalto (2001), e outras dúas distribuídas en castelán e en galego: Sempre me matan/Siempre me matan (1995), primeira novela da Triloxía de América e O fácil que é matar (1998), comercializada en castelán como Peregrino en invierno (2000), segunda entrega da Triloxía de América. Realizou traducións ao galego -La isla de los jacintos cortados (1983), de Torrente Ballester; Chamber Music (1986), de James Joyce- e foi autor do texto do primeiro volume de Descubrir España, Galicia, editado polo National Geographic, con fotos de Tomasz Tomaszewski. A súa actividade xornalística comprende artigos literarios e de opinión en xornais e revistas, como El País, ABC, Diario 16, La Vanguardia, El Sol ou Le Monde. A partir de 1990 regularizou a súa intervención neste medio coa publicación dun artigo diario na prensa galega, primeiro en La Voz de Galicia e posteriormente en El Correo Gallego e O Correo Galego. Froito do seu labor neste último medio foi a compilación Os días de viaxe (1996), onde recolleu os artigos da sección Os outros días. Publicou tamén a peza teatral A gaiola (1995) e o ensaio Una conversación en la Habana (1989), resultado dunha entrevista de doce horas ininterrompidas con Fidel Castro que gravou a Televisión de Galicia. Foi tamén guionista da coprodución de TVE e TVG El Camino de Santiago, e autor da letra da Gran Cantata Xacobea, do compositor Rogelio Groba, estreada no Auditorio de Santiago de Compostela en 1993, ambas con motivo do Ano Santo de 1993. Obtivo o XXVII Premio Nacional de Periodismo Fernández Latorre e o IV Premio Nacional de Periodismo Julio Camba, e recibiu as distincións de Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras de Francia (1986); Gran Cordón da Orde do Mérito, concedido polo goberno do Distrito Federal de Caracas en Venezuela (1993); Socio de Honra do Club de Periodistas Galegos en Madrid; membro do Padroado Rosalía de Castro; membro da Enxebre Orde da Vieira; Cabaleiro da Orde da Alquitara; Folla de Prata do Viño Albariño; membro da Academia de Gastronomía e vicepresidente patrón da Fundación Aser Seara, colección Iconográfica de Allariz.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Allariz