Conde Conde, Mario

Conde Conde, Mario

Avogado e financeiro. Licenciado en Dereito pola Universidad de Deusto e avogado do Estado (1973), en 1974 foi nomeado xefe de estudos da dirección xeral do Estado no ministerio de Facenda. Iniciou a súa actividade empresarial nos Laboratorios Abelló, e en 1983 accedeu ao cargo de vicepresidente e conselleiro delegado do Grupo de Empresas de Antibióticos S A. En 1987 incorporouse ao consello de administración do Banco Español de Crédito (BANESTO) e, en decembro dese mesmo ano, asumiu o cargo de presidente e conselleiro delegado da entidade. As súas operacións financeiras ocasionaron unha crise patrimonial que tivo como consecuencia a intervención de BANESTO por parte do Estado e a destitución de Conde, que foi procesado e condenado a seis anos de prisión (1997).

No ano 2000 foi elixido candidato de UC-CDS ás eleccións lexislativas co apoio do 81% dos compromisarios asistentes á Asemblea Nacional. A súa formación conseguiu 23.576 votos en toda España, e quedou lonxe de obter ningún deputado

Fundou a revista MC, de economía e estilo, que tivo un ano de existencia. En setembro de 2009 comezou a participar no faladoiro político do programa de televisión "El gato al agua", da cadea Intereconomía TV.

Volveu ser detido en marzo de 2016 por repatriar dende Suíza cartos procedentes do roubo ao Banesto. Escribiu libros de ensaio e vivencias: El Sistema e Derecho Penitenciario vivido.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Tui