Conde Corbal, Xosé
Pintor e gravador. Iniciou estudios de dereito e químicas na Universidade de Santiago de Compostela, pero dedicouse á pintura a partir dos anos sesenta. Como gravador creou unha técnica nova que lle permitiu facer os seus motivos pitóricos sobre unha folla de plástico cuberta cunha capa de pintura de látex e trasladar o resultado a unha prancha de cobre coa que realizaba a impresión. A súa temática centrouse na descrición da vida cotiá dos mariñeiros, das mulleres, dos emigrantes, das festas populares, da paisaxe urbana, da flora e fauna galegas, dos temas históricos e dos motivos etnográficos. Realizou tamén gravados inspirados na obra de Valle-Inclán, entre os que destacan, Luces de Bohemia, La etnografía gallega en Valle-Inclán e Divinas palabras. Afastouse dos tópicos rexionalistas e achegouse á pureza expresiva non exenta dunha mirada comprometida. A súa obra pictórica aproximouse ao expresionismo. No xornal La Región realizou os debuxos da sección El Orense perdurable (1961), coa colaboración de Vicente Risco na redacción dos pés das ilustracións. Colaborou tamén en La Hoja del Lunes (Ourense), Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Noche e Xornal Diario. Realizou numerosas exposicións individuais e entre as mostras colectivas nas que participou destacan: Arte Actual en Orense (Madrid, 1972) e O gaiteiro nas artes (1994). Entre os seus libros de gravados destacan Cruceros, petos y santos (1966), Del Orense monumental (1964), Pontevedra en 50 dibujos de Conde Corbal (1965), Pazos de Pontevedra (1972), La dorna y los que viven de ella (1973) e Paxaros galegos (1976). Colaborou cos seus debuxos e gravados en numerosas publicacións entre as que destacan Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956 (1956), Pontevedra: la tierra y sus gentes (1967), Pontevedra Monumental (1982), El santuario de Nuestra Señora de los Milagros del monte Medo, Orense (1963), Pontevedra turística: guía provincial (1990), Anuario de tradicións galegas (1994) e Vista pictórica del parque del castillo de Sotomayor (1998). A súa obra está presente no Museo de Pontevedra e no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Vilagarcía de Arousa