Confederación Intersindical Galega
Sindicato de clase fundado o 19 de marzo de 1994 no que converxen a Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN) e a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), que asinaron un pacto de alianza o 2 de abril de 1990. Ten como obxectivo principal a mellora progresiva e xeral dos intereses dos traballadores, da propia organización e do conxunto da sociedade galega. O ámbito territorial no que desenvolve a súa actividade é a Comunidade Autónoma de Galicia.
Órganos, estrutura e obxectivos
Os órganos de dirección son o Consello Confederal, máximo organismo entre congresos; o Secretariado, que ten como finalidade facer o seguimento da acción sindical e reivindicativa sectorial e comarcal; e a Executiva Confederal. O secretario xeral, que exerce a máxima representación, e o presidente, que representa a central sindical en actos de especial relevancia, son cargos unipersoais elixidos nos congresos. A organización territorial vertébrase en oito comarcas (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Lugo e A Mariña). Ademais, sectorialmente, divídese en once federacións: administración pública; alimentación e téxtil; banca, aforro e seguros; construción e madeira; ensino; mar; metal; químicas e enerxía; sanidade; servicios; e transporte e comunicacións. Así mesmo, conta con departamentos e secretarías específicas para temas como a muller, os pensionistas, a mocidade, a saúde laboral, a migración e a cooperación. Segundo os estatutos aprobados no II Congreso, a CIG é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galicia e a autoorganización dos traballadores, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, e que se expresa en galego. Así mesmo, pretende a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores; o impulso do Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluído o dereito á autodeterminación de Galicia; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; e a reforma do marco xurídico e político que permita a Galicia ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as materias. Participa xunto con CC OO, UGT e ELA-STV, nos organismos tripartitos de ámbito estatal (INEM, INSALUD, INSS, INSERSO, Consejo Económico y Social, etc) e noutros de ámbito galego (Consello Galego de Relacións Laborais, Consello Económico e Social, etc). Así mesmo, para desenvolver actividades complementarias e dar resposta as necesidades de formación, promove a FORGA. O seu órgano oficial é Tempo Sindical.
Historia
A orixe da CIG remóntase, indirectamente, ao nacemento de diferentes organizacións sindicais en Galicia nos anos setenta. O primeiro antecedente foi a Fronte Obreira, fundada pola Unión do Povo Galego en 1972 e que no ano 1975 se constituíu como Sindicato Obreiro Galego (SOG), integrado na Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). En 1977, debido á nova situación laboral e grazas aos esforzos de Manuel Mera, naceu a Intersindical Nacional Galega (ING) que se desligaba formalmente da AN-PG para ter maior autonomía de acción. A ING agrupaba en 1977 as seguintes organizacións obreiras: SOG, Unión de Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG), Unión de Traballadores da Sanidade de Galicia (UTSG), Unión de Traballadores da Banca de Galicia (UTBG) e o Sindicato Galego de Traballadores do Mar (SGTM). A partir dese momento aumentou a súa presenza nas reivindicacións obreiras (folga dos obreiros da construción en Lugo en 1977) e en 1978, tralas primeiras eleccións sindicais da democracia, obtivo 722 delegados (13,5%), feito que a situaba en terceiro lugar detras de CC OO e UGT. Despois dun longo proceso de negociación, a ING aliouse coa Confederación de Traballadores Galegos (CTG), unha central escindida da Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores (CSUT) que en 1978 obtivera 404 delegados (7%); a partir de 1981 adoptaron o nome de Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). Os bos resultados acadados pola INTG en 1980, o 17,49%, permitiron avanzar no proceso de unidade do sindicalismo nacionalista. Por eses anos, abandonouse toda tentativa de crear unha central sindical unitaria dos traballadores galegos xunto cos sindicatos de ámbito estatal, para centrar os seus esforzos en unir o sindicalismo nacionalista. En setembro de 1982 celebrouse unha asemblea de unificación entre a INTG e a Central Sindical Galega (CSG), xurdida en 1980 dunha escisión da Unión sindical Obreira (USO), que adoptaron o nome de Intersindical (INTG-CSG). Nas eleccións sindicais dese ano obtiveron 1.649 delegados, sobre todo na pequena empresa. Non obstante , as tensións internas e a vinculación cada vez máis estreita entre a dirección da INTG e o Bloque Nacionalista Galego (BNG), derivaron na primeira escisión no seo do sindicalismo nacionalista. Así, en 1985, xurdía a Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN), formada polos sectores procedentes da CTG e da CSG. Á CXTG-IN uníronse, ademais, outras centrais como o Sindicato Galego de Sanidade, o Sindicato de Traballadores Forestais ou o Sindicato Galego do Xogo. En 1986, a nova central acadou 1.087 delegados fronte aos 1.067 da INTG. Despois de cinco anos de división, debido a que as dúas centrais mantiveran uns programas e unha práctica no eido das relacións laborais moi semellantes, o 2 de abril de 1990 as dúas centrais (CXTG-IN e INTG) asinaron un pacto de alianza que formalizaron baixo o nome de Converxencia Intersindical Galega, que garantía a independencia organizativa e coordinaba os esforzos. Nas eleccións sindicais de 1990, a Converxencia acadaba 3.552 representantes (23,6%); nese mesmo ano, comezou a participar unitariamente en foros sindicais internacionais e asinou diferentes documentos con CC OO e UGT sobre política industrial e negociación colectiva. En 1991, firmou en Vigo un acordo polo que se establecían relacións formais co sindicato nacionalista vasco ELA-STV. Trala celebración dos congresos da CXTG-IN e da INTG decidiuse a integración definitiva, que se formalizou no transcurso do Congreso fundacional da CIG, celebrado o 19 de marzo de 1994, no que resultou elixido como secretario xeral Fernando Acuña. Nas primeiras eleccións sindicais que se celebraron despois da constitución da CIG, esta obtivo 3.924 representantes (26,6%). En 1988 na procura dunha unidade de acción con outros sindicatos, os sindicatos nacionalistas ELA-STV, LAB, IC e CIG, asinaron un documento de políticas comúns en Santiago de Compostela. Despois dun conflito interno, en 1999 escindiuse un sector minoritario que creou a Central Unitaria de Traballadores (CUT). No III Congreso, celebrado en maio do 2001, resultou elixido secretario xeral Xesús Seixo. O deterioro económico de Galicia, derivado do abandono dos sectores económicos básicos (naval, pesca ou leite), así como o retroceso en materia de dereitos laborais e a paulatina privatización dos servicios públicos, motivaron múltiples protestas e folgas xerais nas que participou o sindicato. A primeira na que concorreu a Converxencia, motivada polo convenio da lousa, celebrouse o 14 de abril de 1991 e paralizou os concellos de Valdeorras e Quiroga. O 17 de decembro de 1991 participou nunha folga xeral en Ferrol na defensa dun plan integral de desenvolvemento da comarca. O 2 de abril de 1992, en resposta á crise industrial, agraria e pesqueira, convocou unha folga xeral en toda Galicia. Xunto cos sindicatos estatais participou na folga xeral que se celebrou en toda España o 27 de xaneiro de 1994. Durante o ano 1995, a crise do fletán e da flota pesqueira en xeral levaron a convocar unha folga xeral no Morrazo. Nas Pontes de García Rodríguez, dous meses de mobilizacións remataron nunha folga xeral en 1996. O 9 de febreiro do 2000 convocaron unha folga xeral en Tui para apoiar os traballadores de Gesrubber. O 15 de xuño de 2001 convocou, xunto con UGT, unha folga xeral en Galicia.